Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Inmigración e Xustiza » Bruxelas presenta a nova estratexia quinquenal sobre migración e asilo

Bruxelas presenta a nova estratexia quinquenal sobre migración e asilo

29/01/2026 |

— A nova Estratexia Europea de Xestión do Asilo e a Migración fixa as prioridades da UE para os próximos cinco anos 

— O obxectivo de reforzar o control das fronteiras, combater a migración irregular e atraer talento

Bruxelas, 29 de xaneiro de 2026. A Comisión Europea presentou a primeira Estratexia Europea de Xestión do Asilo e a Migración, que establece os obxectivos políticos da UE neste ámbito e servirá de guía con prioridades concretas para os próximos cinco anos.

A UE abriu un novo capítulo en materia de migración e asilo que aproveita e consolida os avances logrados na protección das fronteiras exteriores, reforza a diplomacia migratoria —por exemplo a través de asociacións estratéxicas con países socios— e aplica as reformas introducidas polo Pacto sobre Migración e Asilo. Estes avances contribuíron a unha diminución sostida da migración irregular e a unha mellor xestión dos fluxos migratorios nos últimos anos.

A Estratexia reafirma a determinación da Unión de establecer un marco que sexa ao mesmo tempo xusto e firme, capaz de xestionar eficazmente a migración en cooperación cos países socios, sen renunciar aos valores europeos. Tamén reafirma o principio de que é Europa quen decide quen entra na UE e en que condicións.

O documento establece tres obxectivos principais: previr a migración irregular e combater as redes de tráfico de persoas, protexer ás persoas que foxen da guerra e da persecución evitando abusos do sistema e atraer talento á UE para reforzar a competitividade das súas economías.

Para acadar estes obxectivos, a Estratexia estrutúrase arredor de cinco prioridades principais:

1. Reforzar a diplomacia migratoria
A UE intensificará a cooperación cos países socios para xestionar os fluxos migratorios, combater o tráfico ilícito de migrantes e promover asociacións que favorezan unha migración segura e ordenada.

2. Fronteiras da UE máis fortes
A estratexia aposta por reforzar o control das fronteiras exteriores mediante novos sistemas dixitais de xestión fronteiriza e un maior papel da axencia europea Frontex.

3. Un sistema de asilo e migración firme, xusto e adaptable
O Pacto sobre Migración e Asilo seguirá sendo a base da política migratoria europea, garantindo unha maior protección das fronteiras, normas máis estritas contra abusos e un equilibrio entre responsabilidade e solidariedade entre Estados membros.

4. Retornos e readmisión máis eficaces
A Comisión pretende mellorar a eficacia do sistema europeo de retorno das persoas que non teñen dereito a permanecer na UE mediante normas máis claras e procedementos máis eficientes.

5. Mobilidade laboral e atracción de talento
Ante a crecente escaseza de man de obra en sectores clave, a UE buscará atraer talento internacional, simplificar o recoñecemento de cualificacións e reforzar a integración dos traballadores migrantes.

A Estratexia tamén promove o uso da dixitalización e da intelixencia artificial na xestión da migración e prevé a creación dun foro europeo sobre IA neste ámbito.

Máis información: Comisión Europea

© European Union , 2021

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data