Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Asuntos Marítimos » A Comisión Europea presenta novas medidas para garantir a sostenibilidade da pesca

A Comisión Europea presenta novas medidas para garantir a sostenibilidade da pesca

03/03/2023 | ,

— A proposta insta a unha eliminacion gradual da pesca de arrastre nas zonas marítimas protexidas de aquí a 2030

— Búscase a neutralidade de emisións na industria para o ano 2050

Bruxelas, 3 de marzo de 2023. A finais de febreiro, a Comisión Europea presentou un novo paquete de medidas coa fin de mellorar a sustentabilidade e resiliencia do sector pesqueiro e da acuicultura da Unión Europea. O paquete consta dun Plan de acción para protexer e restaurar os ecosistemas mariños, unha Comunicación sobre a transición enerxética no sector da pesca e a acuicultura, unha avaliación sobre a política pesqueira común e un informe sobre a organización común de mercados nestes sectores. O obxectivo da Comisión é triple: promover o uso de fontes de enerxía máis limpas, limitar a dependencia respecto aos combustibles fósiles e reducir o impacto do sector nos ecosistemas mariños.

Este terceiro punto afecta novamente ás artes pesqueiras de fondo, xa que a Comisión insta aos Estados membros a eliminar gradualmente estas artes de aquí a 2030 en todas as zonas marinas protexidas (ZMP): as actuais, que representan un 12 % da superficie mariña, e as novas que se creen ata chegar ao 30% que propón a Estrataexia Europea de Biodiversidade. A Comisión solicita aos Estados membros que adopten medidas de conservación da pesca nesas zonas cun calendario claro. As primeiras medidas deberín estar en vigor no ano 2024 para os espazos Natura 2000.

A Comisión ten como obxectivo que a pesca e acuicultura europea sexa, no ano 2050, neutra en emisións. Proponse a mellora da eficiencia no consumo de combustible e o cambio a fontes de enerxía renovables e hipocarbónicas. Crearase unha Asociación para a Transición Enerxética na Pesca e a Acuicultura da UE, que reunirá a todas as partes interesadas. Ademais, traballarase nunha mellor transferencia de tecnoloxía da investigación e a innovación; promoverase a capacitación dos traballadores e mellorarase o entorno empresarial.

No relativo á Política Pesqueira Común (PPC), as propostas buscan a súa aplicación plena e a súa adaptación aos efectos medioambientais e climáticos da pesca e a agricultura. Proponse un Pacto de Pesca e Océanos que reúna a todas as partes interesadas e contribúa a adaptar a PPC cando a Comisión considere preciso. Un capítulo dedicado ao empoderamiento dos traballadores do sector recoñece a necesidade dunha análise da dimensión social da pesca (emprego, xénero, formación…) á hora de propor medidas de conservación e fai fincapé na necesidade da renovación xeracional. Para iso, poñerase en marcha o proxecto “Pescadores do futuro” e demándase á comunidade científica máis indicadores sociais para telos en conta nas futuras propostas de medidas de xestión da pesca.

Unhas medidas sen boa acollida en Galicia

O anuncio do novo paquete de medidas foi recibido negativamente pola Xunta de Galicia, xa que obvia os aspectos socioeconómicos da pesca e fai perigar o seu futuro. Antonio Basanta, director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, fixo fincapé en que o Goberno galego seguirá reclamando xustiza para a frota que está a pasar momentos de dificultade debido a este tipo de prohibicións establecidas pola Comisión Europea. Por iso, a Xunta reunirá ao Consello Galego de Pesca e xuntos analizarán o plan de acción.

O veto á pesca de fondo

A Comisión Europea publicou, no mes de setembro, un regulamento executivo que prohibe a pesca de fondo en 87 zonas consideradas como vulnerables. O regulamento entrou en vigor o 9 de outubro. Esta decisión ten uns efectos prexudiciais para o sector pesqueiro galego, parte dunha actividade, a marítima, que supón case un 5% do PIB de Galicia. A Xunta de Galicia uniuse, como parte coadxuvante, no recurso presentado pola Organización de Produtores Pesqueiros de Burela.

Máis información: Comisión Europea e Xunta de Galicia

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data