• Xa sen a contribución do Reino Unido, o orzamento para o novo período sería de 1,28 billóns de euros.
  • A PAC sufriría un recorte do 5% e a política de cohesión dun 7% para dar paso a novas prioridades como son a defensa e a política migratoria. 
  • A proposta tamén recolle novas fontes de ingreso propio e a vinculación das axudas ao cumprimento do Estado de Dereito. 
Bruxelas, 2 de maio de 2018. A Comisión Europea presentou hoxe a súa proposta para o próximo marco financeiro plurianual, o primeiro sen a contribución do Reino Unido, que abarcará de 2021 ao 2027. O Executivo comunitario propón un total de 1,28 billóns de euros para o período. Un lixeiro aumento que, porén, se traducirá nun recorte do 5% ás subvencións da política agraria común (PAC) e do 7% aos fondos estruturais para dar paso a novas prioridades como son a seguridade e defensa e a política migratoria.
No escenario presentado hoxe, o gasto destinado a migración e reforzo do control das fronteiras é unha partida que case se multiplica por tres, cun aumento do orzamento dos 13.000 millóns destinados de 2014-2020 aos 34.900 propostos para o seguinte. Así, a Garda Europea de Fronteiras e Costas (Frontex) pasaría de 1.600 a 10.000 traballadores.
Bruxelas tamén quere dar un empuxón ás partidas de defensa e seguridade, que contarían con 25.000 millóns de euros, e á investigación, duplicando os fondos dirixidos ao programa Horizonte 2020, que pasaría a contar cun presuposto de 100.000 millóns de euros.
Erasmus+, un dos programas más populares da Comisión, incrementaría tamén o seu presuposto nun 50%, acadando os 30.000 millóns de euros. A proposta inclúe ademais a creación dun instrumento estabilizador de 30.000 millóns de euros, accesible a todos os Estados membros, para amortecer posibles dificultades.
Deste xeito, as partidas destinadas a agricultura e fondos estruturais, que acaparan na actualidade o 70% dos fondos europeos, reducirían a súa porcentaxe ata o 60%, unha redución que se sitúa moi lonxe do recorte do 30% que Bruxelas suxerira de inicio.
Condicionalidade das axudas 
 
A nova proposta tamén inclúe, por vez primeira, criterios de condicionalidade. Así, a UE poderá conxelar as axudas comunitarias aos países que poñan en risco o Estado de dereito; con particular atención a independencia do poder xudicial.
Esta proposta chega nun momento de preocupación polo Estado de Dereito en países como Polonia ou Hungría, que se negan a aplicar os acordos comunitarios de reparto de refuxiados e que, ao mesmo tempo, son os receptores principais dos fondos estruturais e de cohesión.
Fontes de ingresos propios
 
A Comisión propón crear ademais tres novas fontes de ingresos propios, cuxo obxectivo é reducir as aportacións nacionais dos Estados membros que, na actualidade, financian o 80% do presuposto.
Así, en primeiro lugar, contémplase a creación dunha taxa ao plástico de 0,80 euros por quilo non reciclado. En segundo lugar, que un 20% dos ingresos procedentes do sistema de comercio de emisións de CO2 se destine ás arcas comunitarias e, por último, a recadación do 3% dos ingresos do imposto de sociedades cando se cree unha base tributaria harmonizada na UE.
Estes novos recursos propios representarían o 12% o orzamento total da UE e poderían aportar ata 22.000 millóns ao ano para poder financiar as novas prioridades.
Próximos pasos
 
Sobre a base das propostas presentadas hoxe, a Comisión someterá, nas próximas semanas, propostas detalladas sobre os futuros programas financeiros sectoriais, para dar comezo a etapa de validación.
A decisión relativa ao futuro orzamento a longo prazo da UE pasará despois ao Consello, que deberá pronunciarse por unanimidade, coa aprobación del Parlamento Europeo.
A Comisión Europea aspira a pactar o novo presuposto comunitario nun prazo máximo dun ano, antes das eleccións ao Parlamento Europeo de maio de 2019.
Máis información aquí.