Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » EuroXuventude » Formación » A Comisión Europea pon en marcha a nova aplicación Erasmus+

A Comisión Europea pon en marcha a nova aplicación Erasmus+

22/09/2021 |

  • Esta aplicación proporcionará ao alumnado un carné europeo de estudante dixital que será valido en toda a Unión Europea
  • Actualmente, máis de 4 000 universidades participan na rede Erasmus sen documentos de papel, o que lles permite intercambiar datos e identificar de forma máis sinxela os acordos de aprendizaxe e/ou formación

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2021. A Comisión Europea vén de poñer en marcha a nova aplicación Erasmus+, avanzando cara a dixitalización do programa. Esta aplicación proporcionará ao alumnado un carné europeo de estudante dixital que será valido en toda a Unión Europea.

A través desta aplicación, dispoñible tanto para Android como para iOS, o alumnado poderá navegar e seleccionar o seu destino de entre as universidades asociadas á súa; firmar o seu acordo de aprendizaxe ou de formación en liña; descubrir novos eventos e consellos sobre o seu destino así como poñerse en contacto con outros estudantes; e obter o seu carné de estudante europeo para acceder a servizos, museos, actividades culturais e ofertas especiais que se propoñan na súa universidade ou país de acollida.

Actualmente, máis de 4 000 universidades participan na rede Erasmus sen documentos en papel, o que lles permite intercambiar datos de maneira segura e identificar de forma máis sinxela os acordos de aprendizaxe e/ou formación. Esta cooperación dixital permite, ademais, a implantación e recoñecemento do carné europeo do estudante.

Seguindo o Plan de Acción de Educación Dixital, o novo programa Erasmus+ 21-27 contribúe ao desenvolvemento de capacidades cibernéticas e á transición dixital dos sistemas educativos europeos. Cun orzamento aumentado de máis de 28 000 millóns de euros para este período, Erasmus+ tamén fomenta a resiliencia dos sistemas de educación e formación fronte á pandemia.

CONTEXTO

Desde a súa posta en marcha en 1987, o programa Erasmus+ beneficiou a dez millóns de persoas no estranxeiro. O novo programa oferta a posibilidade de beneficiarse a calquera idade de períodos de estudo, prácticas, programas de aprendizaxe profesional e intercambios de persoal no estranxeiro, en todos os eidos da educación, a formación, a xuventude e o deporte.

O estudo de impacto de Erasmus+ na ensinanza superior de 2019, puxo de manifesto que o programa ten efectos positivos no desenvolvemento profesional, social, educativo e persoal dos participantes. Máis do 70% dos estudantes teñen máis claro o que queren facer no seu futuro profesional cando volven dunha experiencia de mobilidade no estranxeiro, o que lles permite reorientar os seus estudos para adaptalos ás súas ambicións profesionais. Máis do 90% dos estudantes de Erasmus+ tamén melloran a súa capacidade para traballar e colaborar con persoas de culturas diferentes e consideran que teñen unha identidade europea.

Para o curso académico actual, prevese que 600 000 estudantes de educación superior se despracen ao estranxeiro grazas a Erasmus+.

No seu discurso sobre o Estado da Unión de 2021, a presidenta Von der Leyen propoñía facer de 2022 o Ano Europeo da Xuventude.

Fonte: La Comisión pone en marcha la nueva aplicación Erasmus+, que lleva integrada la Tarjeta Europea de Estudiante (el carné europeo de estudiante)

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data

Novas relacionadas

Non hai novas relacionadas