Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Educación e cultura »A Comisión pon en marcha un plan de acción contra o ciberacoso para protexer a mocidade en liña
— A iniciativa da Comisión Europea busca reforzar a protección dos menores na internet mediante unha aplicación europea para denunciar o acoso, unha maior coordinación entre Estados membros e medidas para promover prácticas dixitais máis seguras.
Bruxelas, 10 de febreiro de 2026. A Comisión Europea puxo en marcha un Plan de Acción contra o Ciberacoso co obxectivo de protexer a saúde mental de nenos, nenas e adolescentes na internet en toda a Unión Europea.
O plan baséase en tres piares principais: o desenvolvemento dunha aplicación a escala europea para que as vítimas poidan denunciar o acoso en liña e recibir apoio, a coordinación dos enfoques nacionais para facer fronte aos comportamentos nocivos en internet e a prevención do ciberacoso mediante o fomento de prácticas dixitais máis seguras.
Aplicación europea para denunciar o ciberacoso
As vítimas de ciberacoso deben contar cunha forma clara e accesible de denunciar estas situacións e obter axuda. Por este motivo, un dos elementos centrais do plan é a creación dunha aplicación europea fácil de usar que permita denunciar o ciberacoso a través das liñas telefónicas nacionais de asistencia.
A aplicación permitirá tamén que nenos e adolescentes reciban apoio e poidan almacenar e enviar probas de forma segura. A Comisión elaborará un plan marco para esta ferramenta que os Estados membros poderán adaptar, traducir e conectar cos servizos nacionais correspondentes.
Un enfoque europeo coordinado
Todos os mozos e mozas da UE deben estar igualmente protexidos fronte ao ciberacoso. Para iso, os Estados membros deberán elaborar plans nacionais integrais e empregar unha definición común do fenómeno que permita recompilar e comparar datos en toda a Unión.
Este enfoque busca avanzar cara a unha resposta europea máis coordinada contra o acoso en liña.
A Comisión tamén reforzará iniciativas xa existentes destinadas a protexer os menores na internet. Entre outras medidas, prevé:
revisar as directrices do Regulamento de Servizos Dixitais sobre a protección dos menores para reforzar as obrigas das plataformas en liña;
adoptar directrices sobre alertadores fiables para clarificar o seu papel na detección de contidos ilícitos, incluído o ciberacoso;
abordar o ciberacoso nas plataformas de intercambio de vídeo no marco da revisión da Directiva de Servizos de Comunicación Audiovisual;
apoiar a aplicación das disposicións da Lei de Intelixencia Artificial, especialmente no relativo a prácticas prohibidas como as ultrafalsificacións (deepfakes) cando se utilizan para acosar;
facilitar o cumprimento das obrigas de transparencia da Lei de IA, incluíndo códigos de boas prácticas para identificar contidos xerados por intelixencia artificial.
Prevención do ciberacoso
O Plan de Acción tamén promove hábitos dixitais saudables, responsables e respectuosos desde idades temperás.
Neste contexto, a próxima revisión das directrices da Comisión para educadores sobre alfabetización dixital centrarase na prevención do ciberacoso e no reforzo das competencias dixitais dentro do marco da Unión das Competencias.
Ademais, a Comisión ampliará os recursos e a formación para os centros educativos a través dos Centros de Seguridade na Internet e da plataforma Better Internet for Kids.
Día por unha Internet máis segura
A Comisión seguirá promovendo os dereitos e o benestar da infancia en liña e fóra dela a través do Día por unha Internet máis segura.
Esta iniciativa, lanzada na Unión Europea en 2004, celébrase actualmente en arredor de 160 países e territorios, promovendo un espazo dixital máis seguro e positivo para todos.
Próximos pasos
A Comisión aplicará o Plan de Acción contra o Ciberacoso en colaboración cos Estados membros, a industria, a sociedade civil, organizacións internacionais e os propios menores.
Paralelamente, está a traballar noutras iniciativas relacionadas coa protección dos menores na internet, entre elas:
unha solución europea de verificación de idade respectuosa coa privacidade,
a futura Lei de Equidade Dixital,
a creación dun grupo de expertos sobre protección de menores en liña,
Máis información: Comisión Europea
© Pixabay