Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Cohesión »A Comisión Europea lanza a primeira estratexia para as comunidades costeiras
— Bruxelas deseña un plan coordinado para reverter os desafíos económicos, sociais e ambientais do litoral
Bruxelas, 16 de xuño de 2026. A Comisión Europea adoptou dúas estratexias específicas para as illas e as comunidades costeiras da UE co obxectivo de establecer, por primeira vez, un enfoque coordinado que libere o seu potencial a longo prazo. Aínda que a iniciativa para as illas funciona de xeito complementario, o maior interese para Galicia concéntrase na estratexia costeira, que busca dar resposta ás necesidades de 95 millóns de persoas que viven ao longo dos 70 000 quilómetros de litoral comunitario.
Bruxelas propón un enfoque holístico que aborde de maneira integrada a economía, a conectividade, a enerxía, o ambiente, a demografía e a seguridade destas zonas, garantindo que as súas demandas específicas se reflictan nas futuras propostas da UE.
Un escudo fronte ao cambio climático e o despoboamento
O documento oficial advirte que as comunidades costeiras están na primeira liña do cambio climático, a perda de biodiversidade mariña e a contaminación. A isto súmanse presións estruturais moi presentes no litoral galego, como un turismo desequilibrado, a escaseza de vivendas atinxibles, a estacionalidade económica e as limitadas oportunidades de emprego, que adoitan derivar na emigración dos mozos.
Para reverter esta situación, a estratexia estrutúrase en tres prioridades: prosperidade, promovendo novos modelos de negocio como o pescaturismo, a bioeconomía e as enerxías renovables mariñas; resiliencia, mellorando a adaptación ambiental coa iniciativa OceanEye; e habitabilidade, salvagardando a cultura marítima e a identidade local para que a poboación poida vivir e traballar no seu propio contorno.
Medidas clave desde os portos ata os pobos pesqueiros
A folla de ruta aplicarase mediante solucións adaptadas localmente, desde as grandes cidades portuarias ata os pobos pesqueiros máis remotos. Entre as accións principais destaca o empoderamento das comunidades na planificación espacial marítima a través da próxima Lei de Océanos e o apoio ás cadeas de subministración de bioeconomía azul mediante proxectos locais.
Así mesmo, prevese o desenvolvemento dun sistema de créditos de carbono azul para xerar novos ingresos nas zonas costeiras e o aumento das avaliacións de riscos fronte ao cambio climático en colaboración co Banco Europeo de Investimentos. Estas medidas enmarcanse no Pacto Europeo polos Océanos, lanzado en 2025, co que a UE busca dar un soporte definitivo ao futuro do seu litoral.
Fonte: Comisión Europea
© Comisión Europea, 2026