A Comisión Europea vén de invitar ós Estados membros e asociados de Schengen a prorrogar 30 días máis, ata o 15 de xuño, a restrición temporal das viaxes non esenciais á UE. Aínda que algúns destes Estados están tomando medidas preliminares para relaxar as medidas de loita contra a propagación da pandemia, a situación segue sendo fráxil, tanto en Europa como no resto do mundo. 

Bruxelas, 12 de maio de 2020- É preciso manter as medidas adoptadas nas fronteiras exteriores para reducir o risco de que as viaxes propaguen a enfermidade pola UE. O levantamento das restricións das viaxes debe ser progresivo. Como se indica na Folla de ruta conxunta europea sobre a suspensión das medidas de contención, os controis das fronteiras interiores deberán comezar a levantarse de maneira gradual e coordinada antes de que as restricións nas fronteiras exteriores poidan relaxarse nunha segunda fase

A restrición das viaxes, así como a invitación a prorrogala, aplícase a 30 países en total: 
  • Á “zona UE+”, que abarca todos os Estados membros de Schengen, incluíndo a Bulgaria, Chipre, Croacia e Romanía. 
  • Ós catro Estados asociados de Schengen, é dicir, Islandia, Liechtenstein, Noruega e Suíza. 
A Comisión Europea avoga por un enfoque coordinado da prórroga, dado que a actuación nas fronteiras exteriores só pode ser eficaz se a poñen en marcha todos os Estados da UE e de Schengen en todas as fronteiras exteriores, coa mesma data de finalización e de maneira uniforme. 
Toda prórroga adicional das restricións das viaxes despois do 15 de xuño de 2020 deberá avaliarse de novo sobre a base da evolución da crise sanitaria. 
Antecedentes 
O 16 de marzo de 2020, a Comisión Europea invitou ós xefes de Estado e de Goberno a introducir unha restrición temporal nas viaxes non esenciais á UE durante un prazo inicial de 30 días. O 8 de abril, a Comisión pediu unha prórroga da restrición das viaxes ata o 15 de maio. Todos os Estados membros da UE, excepto Irlanda, e os países asociados a Schengen, adoptaron a continuación decisións nacionais para dar efecto a estas restricións das viaxes e prorrogala. 
Para axudar ós EEMM, a Comisión Europea presentou o 30 de marzo de 2020 unhas Directrices sobre a maneira de aplicar a restrición temporal das viaxes, facilitar as repatriacións dende o resto do mundo e ocuparse das persoas que se visen obrigadas a permanecer na UE máis tempo do que estaban autorizadas debido á restrición das viaxes. 
Máis información