- Nos próximos días, o Fondo Europeo de Investimentos publicará unha convocatoria de manifestacións de interese para organismos financeiros
- O instrumento financeiro establécese no marco de Europa Creativa, o principal programa da UE dedicado aos sectores cultural e creativo
- Os sectores cultural e creativo supoñen máis de 7 millóns de postos de traballo na UE e representan o 4,2 % do PIB da UE
Bruxelas, 30 de xuño de 2016. A Comisión Europea e o Fondo Europeo de Investimentos (FEI) presentan hoxe unha iniciativa de garantía de 121 millóns de euros para apoiar ás pemes activas nos sectores da cultura e a creación a través de organismos financeiros. Está previsto que este réxime dea lugar a préstamos bancarios por valor de máis de 600 millóns de euros durante o próximos seis anos.
A iniciativa permitirá ao FEI ofrecer garantías e contragarantías, gratuitamente, a intermediarios financeiros seleccionados para que poidan facilitar máis financiamento de débeda aos empresarios do ámbito cultural e creativo. Os bancos comerciais e comerciantes polo miúdo, os bancos de fomento e outros intermediarios financeiros que se beneficien da garantía de 121 millóns de euros prestarán axuda a máis de dez mil pemes dun amplo abanico de sectores, como son o audiovisual (incluídos o cinema, a televisión, a animación, os videoxogos e os multimedia), os festivais, a música, a literatura, a arquitectura, os arquivos, as bibliotecas e os museos, a artesanía artística, o patrimonio cultural, o deseño, as artes escénicas, a edición, a radio e as artes visuais.
O instrumento financeiro, establecido no marco de Europa Creativa, o principal programa da UE dedicado aos sectores cultural e creativo, será xestionado polo FEI en nome da Comisión Europea. As pemes europeas poderán empezar a participar xa desde finais deste ano.
Günther H. Oettinger, comisario de Economía e Sociedade Dixitais, asegurou que “as persoas e empresas creativas necesitan experimentar e arriscarse para medrar, para a nosa sociedade e para a nosa economía. Estamos a axudarlles a conseguir os préstamos bancarios que normalmente non conseguirían”.
O director executivo adxunto do FEI, Roger Havenith, afirmou, pola súa banda, que “unha das prioridades que a Comisión ten no seu programa é axudar ás empresas para expandirse e acceder a solucións financeiras baseadas no mercado”.
Asesoramento e modelos de negocio
Os sectores cultural e creativo supoñen máis de 7 millóns de postos de traballo na UE e representan o 4,2 % do PIB da UE. O acceso ao financiamento pode resultar difícil para estes sectores, debido principalmente ao carácter intanxible dos seus activos e garantías, o tamaño limitado do mercado, a incerteza da demanda, e a falta de experiencia específica dos intermediarios financeiros á hora de resolver as cuestións propias destes sectores.
O novo Instrumento de Garantía dos Sectores Cultural e Creativo inclúe actividades de desenvolvemento da capacidade para os intermediarios financeiros, proporcionándolles asesoramento específico sobre aspectos clave destes sectores (por exemplo, modelos de negocio específicos e avaliación do risco crediticio nos sectores). A capacitación será facilitada por un ou varios prestadores de capacitación seleccionados polo FEI (por exemplo, unha empresa de consultoría especializada na maneira de traballar dos sectores cultural e creativo) mediante un procedemento de licitación aberto. Esta formación será gratuíta para os intermediarios financeiros.
Nos próximos días, o FEI publicará unha convocatoria de manifestacións de interese á que poden presentarse os organismos financeiros (bancos, entidades financeiras de garantía, fondos, etc.) que cumpran os requisitos. Tras un exhaustivo proceso de selección, o FEI seleccionará aos intermediarios financeiros que posteriormente poderán poñer o novo financiamento a disposición das pemes dos sectores aos que vai dirixida. Os intermediarios financeiros deberán informar exhaustivamente sobre os produtos financeiros que propoñerán ás pemes e o seu grao de aceptación.
A iniciativa forma parte dos esforzos da Comisión para apoiar o investimento e facer un uso máis intelixente dos recursos financeiros novos e existentes, que é o obxectivo do Plan de Investimentos para Europa. Tamén complementa o labor realizado dentro da Estratexia do Mercado Único Dixital para crear a contorna adecuada para que os sectores cultural e creativo, e en particular as pequenas empresas, prosperen na era dixital.
O Fondo Europeo de Investimentos
A misión principal do Fondo Europeo de Investimentos (FEI) é apoiar ás microempresas e pequenas e medianas empresas (pemes) de Europa, axudándoas a acceder ao financiamento. O FEI deseña e desenvolve fondos de capital risco e de crecemento, garantías e instrumentos de microfinanciación que se dirixen especificamente a este segmento do mercado. Nesta función, o FEI promove os obxectivos da UE en apoio da innovación, a investigación e o desenvolvemento, o emprendemento, o crecemento e o emprego.
Creado baixo o capítulo intersectorial do Programa Europa Creativa, este novo instrumento financeiro é o primeiro cun alcance tan amplo nos sectores cultural e creativo. Persegue o mesmo obxectivo que o apartado relativo ás pemes do Fondo Europeo para Investimentos Estratéxicos (FEIE), que impulsa o Plan de Investimentos para Europa: aumentar a concesión de préstamos ás pemes para que poidan ampliar as súas actividades.
Europa Creativa
Europa Creativa é un programa de 7 anos (2014-2020), destinado a apoiar aos actores dos sectores cultural e creativo. Conta cun orzamento de 1.460 millóns de euros para toda a duración do programa. Está composto polo programa MEDIA, que contribúe ao desenvolvemento e distribución de obras audiovisuais europeas, polo programa Cultura, que apoia iniciativas culturais, como o fomento da cooperación transfronteiriza e a tradución literaria, e polo capítulo intersectorial. O obxectivo do programa Europa Creativa é promover a diversidade cultural, fomentar a circulación da cultura e a creatividade europeas e reforzar a competitividade dos sectores cultural e creativo.
Fonte: Comisión Europea