• As compañías gañadoras nesta primeira edición do certame foron recoñecidas polos seus esforzos en innovación e investimento en materia de seguridade dos produtos destinados ao coidado dos nenos.
Bruxelas, 26 de setembro de 2019. A Comisión Europea anunciou as empresas gañadoras do primeiro Premio da UE á seguridade dos produtos. O novo premio galardoa ás empresas que van máis aló dos requisitos da UE para unha maior seguridade dos consumidores. Nesta primeira edición do galardón, oito empresas de Austria, Dinamarca, Finlandia, Alemaña, Grecia, Italia e os Países Baixos foron galardoadas polos seus esforzos por mellorar a seguridade en productos para nenos.
A comisaria de Xustiza, Consumidores e Igualdade de Xénero, Vĕra Jourová, que presidiu a cerimonia, declarou o seguinte: «Desexo felicitar ás empresas gañadoras por innovar e investir na seguridade dos produtos e subir o listón en materia de protección dos consumidores en toda Europa. Este premio recompensa os seus esforzos. Insto a todas as empresas a que concedan a máxima prioridade á protección dos consumidores en prol da seguridade dos nosos fillos, familias e amigos. O mellor investimento é na confianza dos consumidores», sentenciou a política checa.
 
Empresas gañadoras
Concedéronse premios nas categorías de ouro, prata e bronce, ademais dunha «mención especial», a catro pequenas e medianas empresas (pemes) e a catro grandes empresas sobresaíntes en materia de seguridade dos produtos para o coidado de nenos.
Pemes:
  • Categoría de ouro: Remmy (Italia), pola súa pioneira Car Baby Alert (alerta de nenos en vehículos), que permite salvar vidas ao alertar aos condutores se se deixaron esquecido un neno nun vehículo.
  • Categoría de prata: Evomove (Dinamarca), polo súa trona Nomi, que contribúe a previr os accidentes de desequilibrio grazas a un rodete especial que os impide.
  • Categoría de bronce: Reer (Alemaña), polos seus dispositivos de protección e actividades de comunicación que promoven a seguridade dos nenos no fogar.
  • Mención especial: Mippaa (Países Baixos), polo seu innovador Stair Trainer (adestrador para escaleiras), unha varanda especial para nenos pequenos que os axuda a subir as escaleiras de forma segura.
Grandes empresas:
  • Categoría de ouro: Reima Oy (Finlandia), por garantir que as pezas de vestir non só sexan seguras para os nenos, senón que ofrezan unha protección adicional, por exemplo, na escuridade.
  • Categoría de prata: Cybex (Alemaña), polas meditadas características de seguridade do seu patín PRIAM e os rigorosos procesos internos de seguridade dos produtos.
  • Categoría de bronce: Mega Disposables (Grecia), polos seus esforzos innovadores por garantir a seguridade química dos cueiros Babylino Sensitive.
  • Mención especial: MAM Baby (Austria), por establecer e superar as normas de seguridade dos chupetes e dispositivos de alimentación.
Contexto
O Premio da UE á seguridade dos produtos, recentemente creado, sinala ás empresas que van máis aló dos requisitos establecidos no Dereito da UE para unha maior seguridade dos consumidores. Ao mostrar mellores prácticas, a Comisión Europea quere animar a outras empresas para facer o mesmo, aumentando o nivel de protección dos consumidores en toda a UE. Ao mesmo tempo, o premio ten por obxecto concienciar aos consumidores sobre o seu dereito para atopar unicamente produtos seguros no mercado.
Á primeira edición do Premio da UE á seguridade dos produtos podían concorrer empresas dos Estados membros da UE, así como de Islandia, Liechtenstein e Noruega. Presentaron as súas candidaturas pequenas e grandes empresas de 16 países europeos diferentes. Un xurado composto por representantes de organizacións de consumidores nacionais e europeas e de representantes crave da administración seleccionou aos oito finalistas.
Aínda que o Premio á seguridade dos produtos non ten unha dotación financeira, supoñerá un amplo recoñecemento para as empresas gañadoras, mellorará a súa reputación e brindaralles a oportunidade de posicionarse como líderes industriais en materia de seguridade dos produtos.