• A defensa dos intereses
    galegos ante a UE e a información sobre os asuntos europeos continúan a ser os
    eixos centrais desta entidade
  • A FGE pecha o exercicio de
    2014 con superávit nas súas contas

Santiago, 29 de xuño de 2015.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu hoxe a reunión do
Padroado da Fundación Galicia Europa (FGE) celebrada en Santiago de Compostela
onde se aprobou a incorporación da Axencia Galega de Innovación (GAIN). En
relación co orzamento, cómpre destacar que tras unha auditoría da liquidación
dos ingresos e gastos, o exercicio de 2014 pechouse cun superávit nas contas da
FGE.

Na reunión do Padroado fíxose balance do importante labor
que levou a cabo a Fundación Galicia Europa durante o pasado ano 2014, con
importantes feitos coma a participación do presidente da Xunta de Galicia no
Foro da Cohesión en Bruxelas – o maior evento sobre política rexional
organizado pola Comisión Europea –, a visita a Galicia do comisario de Política
Rexional, Johannes Hahn, que asistiu á presentación da estratexia de
especialización intelixente en investigación e innovación de Galicia (RIS3) ou
a sensibilización a nivel europeo en temas tan importantes para Galicia como os
desafíos demográficos.

Do mesmo xeito, no curso do ano 2014, a FGE seguiu traballando
por fomentar a participación galega en proxectos europeos, polo que ademais de
levar a cabo unha labor de asesoramento e información, publicou unha guía de
financiamento comunitario 2014 – 2020 para explicar e difundir as novas liñas
aprobadas e salientar os aspectos clave na preparación e desenvolvemento de
proxectos europeos.

En liña cos obxectivos da FGE, tamén se traballou para
dar a coñecer Galicia en Bruxelas, participando en actividades como o Open
Doors Day ou o Día E do instituto Cervantes, así como para difundir información
sobre a UE en Galicia a través do portal web e das redes sociais da FGE.

Na reunión do Padroado informouse ademais do estado das
actividades en curso neste ano 2015, con feitos destacados como a visita do
presidente da Xunta de Galicia en febreiro para reunirse con varios dos novos
comisarios incorporados a finais de 2014 ou a elaboración por parte de Galicia
dun ditame sobre o futuro da acuicultura en Europa no seno do Comité das
Rexións.

Na actualidade, a Fundación está centrada no
desenvolvemento do novo período orzamentario 2014-2020, prioridade absoluta
neste ano 2015 no que empeza a execución real e efectiva do mesmo.

Ao finalizar a reunión, o Vicepresidente quixo salientar
o vantaxoso que resulta para a nosa Comunidade formar parte de Europa e incidiu
na necesidade de apostar, hoxe máis que nunca, polo proxecto europeo.

Aposta pola formación

Un ano máis, en liña cos seus obxectivos fundacionais, a FGE seguiu a apostar
pola formación coa convocatoria de catro bolsas de formación para o seguimento
das políticas comunitarias, unha bolsa de comunicación con sede na oficina de
Bruxelas e unha sexta destinada a técnicos superiores en Secretariado ou
Administración e Finanzas.

Por outro lado, a FGE vén de convocar un programa de
especialización en materia de financiamento comunitario para 20 persoas que se
desenvolverá na súa oficina de Bruxelas entre os días 21 e 25 de setembro e que
ten como obxectivo continuar co compromiso da FGE de impulsar a participación
das entidades públicas e privadas galegas na captación de fontes de
financiamento comunitario que permitan executar todo tipo de proxectos en
beneficio do tecido produtivo e da sociedade galega en xeral.

Fundación Galicia Europa

A Fundación Galicia Europa (FGE) é unha entidade instrumental do sector público
autonómico creada en 1988 co fin de promover todas as accións que propicien o
achegamento entre Galicia e Europa. Participada por diversas entidades públicas
e privadas galegas, a Fundación está vinculada funcionalmente á Dirección Xeral
de Relacións Exteriores e coa EU, da Vicepresidencia e Consellería de
Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia. Conta con
dúas oficinas: unha en Santiago de Compostela e outra en Bruxelas, formando
parte esta última das preto de 300 representacións rexionais establecidas na
capital comunitaria.