• A convocatoria ten por obxectivo seleccionar consorcios transnacionais para partenariados a longo prazo.
  • Erasmus para Mozos Emprendedores ofrece aos novos empresarios a oportunidade de aprender de empresarios experimentados

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2016. A Comisión Europea está a buscar organizacións intermediarias para poñer en práctica o programa Erasmus para Mozos Emprendedores. Esta iniciativa consiste nun programa de mobilidade transfronteiriza, que dá aos novos ou potenciais empresarios a oportunidade de aprender de empresarios experimentados que dirixen pequenas empresas mediante estancias de entre 1 e 6 meses noutros países participantes. O seu obxectivo principal é mellorar a capacidade empresarial, o desenvolvemento do panorama internacional e a competitividade das Pemes europeas, fomentar o emprendemento e a creación de novas empresas.

Esta convocatoria en concreto, aberta ata o 5 de abril, ten por obxectivo seleccionar consorcios transnacionais para partenariados a longo prazo (2016-2021) co obxectivo de expandir e fortalecer a rede existente de organizacións intermediarias, que actuarán como puntos de contacto locais nos países participantes no Programa tanto para os emprendedores establecidos recentemente, como para os empresarios con experiencia. Os consorcios deben de estar compostos por un mínimo de 5 entidades legais e un máximo de 10. Os socios deben de proceder de polo menos 5 países diferentes participantes en COSME e un máximo de 2 socios por consorcio poden pertencer ao mesmo país.

Este programa, financiado pola Comisión Europea, desenvólvese en 37 países con axuda dos puntos de contacto locais, tales como cámaras de comercio, centros de apoio á iniciativa empresarial ou viveiros de empresas. Poden participar nel os emprendedores noveis (aqueles que planeen montar un negocio ou que o fixeran xa no últimos tres anos) ou ben os experimentados, sempre que leven á fronte dunha pequena ou mediana empresa varios anos, sexan o seu propietario ou pertenzan ao consello de administración dun negocio destas dimensións e ostenten competencias de directas en materia de iniciativa empresarial. Outra condición indispensable é residir nalgún dos 37 países participantes no programa.

Como inscribirse

Os empresarios noveis e experimentados que desexen participar neste programa de intercambio de emprendedores deben rexistrarse na web do programa e elixir o punto de contacto local do seu país de residencia, pois será o encargado de orientarlle durante todo o proceso. En calquera caso, se un empresario reside nunha nación que careza de punto de contacto, poderá elixir un de calquera outro país europeo.

O próximo 19 de febreiro celebrarase un Info Day en Bruxelas sobre esta convocatoria

Para máis información está disponible a ficha-resumo do programa.