Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Actividades FGE » Proxectos Europeos »A Fundación Galicia Europa é líder do proxecto RuralYouthFuture
— O proxecto ten como obxectivo potenciar o emprego xuvenil e poder garantir postos de traballo de calidade accesibles para a mocidade de áreas rurais.
— A duración será de 36 meses, desde o 1 de marzo de 2023 ata o 28 de febreiro do 2027.
Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2023. A Fundación Galicia Europa dirixirá como socio líder o Proxecto “Mellorar o papel das políticas de mocidade no desenvolvemento rural sustentable”, acrónimo “RuralYouthFuture”.
Cunha duración de 4 anos a Fundación Galicia Europa viu elixido o seu proxecto RuralYouthFuture. Aprobado por Interreg Europe 2021-2027 na primeira convocatoria, onde se presentaron 134 propostas das cales se aprobaron 72 proxectos, o que supuxo un 52% da taxa de éxito. O proxecto desenvolverase en 36 meses, desde o 1 de marzo de 2023 ata o 28 de febreiro do 2027.
Colaborará estreitamente coa Dirección xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social (socia no proxecto), así como con outras entidades locais, rexionais e nacionais de España, Bulgaria, Eslovenia, Letonia, Portugal, Estonia e Bélxica.
RuralYouthFuture busca mellorar a eficacia das políticas de emprego xuvenil, con vistas a promover o desenvolvemento sostible nas zonas rurais. Abordaranse seis instrumentos políticos, a escala municipal, rexional e nacional, para facer fronte a un reto común: responder as necesidades da xuventude nos seus territorios rurais, os cales experimentan un crecente descenso da poboación.
Moitas zonas rurais de Europa están a ver diminuír a súa poboación debido ao desemprego e avellentamento. A automatización e a dixitalización cambiaron o mundo laboral. Pero, aínda que xurdisen novas oportunidades, existen desigualdades entre a mocidade rural e a urbana que deben reducirse promovendo enfoques intersectoriais e modelos eficaces de cooperación interrexional, co fin de fomentar o intercambio de boas prácticas e promover a educación e a aprendizaxe dixitais como oportunidades de traballo para os mozos.
Estas serán as claves do traballo para desenvolver nestes anos, para o cal tamén se contará con outras entidades galegas como grupos de interese e expertos.
Para facer fronte a estes desafíos, o proxecto RuralYouthFuture cumprirá cunha serie de obxectivos específicos:
- Garantir que nas zonas rurais se cren postos de traballo sustentables, de alta calidade e accesibles aos mozos.
- Promover o acceso a novas oportunidades tendo en conta a fenda dixital e as novas formas de traballo.
- Deseñar actividades de intercambio de coñecemento e experiencias para mellorar a formación xuvenil e as condicións laborais no rural.
- Maior inclusión da mocidade, as mulleres e outros grupos vulnerables.
- Mellorar os seguintes instrumentos políticos:
- FSE+ Galicia 2021-2027 Programa Operacional (Es).
- Integrated Development Plan 2021-2027 of Peshtera Municipality (IDP) (Plan de desenvolvemento integrado 2021-2027 do municipio de Peshtera) (BG).
- Local development strategy of Local action group Goričko 2020 for the programming period 2021-2027 (Estratexia de desenvolvemento local do grupo de acción local Goričko 2020 para o período de programación 2021-2027) (SE).
- Children, Youth, and Families Guidelines for 2021-2027 (Directrices para a infancia, a mocidade e as familias para 2021-2027) (LV).
- National Youth Plan (Plan Nacional para a Mocidade) (PT).
- Tartu County Development Strategy (Estratexia de desenvolvemento do condado de Tartu) (EE).
Son socios do proxecto: Dirección xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado (Es); Association Centre for Sustainability and Economic Growth (Asociación Centro para a Sustentabilidade e o Crecemento Económico) (BG); Municipality of Peshtera (Municipio de Peshtera) (BG); Smart House, Institution For Research And Sustainable Development Martjanci (Smart House, Institución de Investigación e Desenvolvemento Sostible Martjanci) (SE); University of Latvia (Universidade de Letonia) (LV); Portuguese Institute of Sports and Youth, IP (Instituto Portugués do Deporte e a Mocidade, IP) (PT) e Association of Municipalities of Tartu County (Asociación de Municipios do Condado de Tartu) (EE).
O orzamento total é de 1.681.884,00 € (cofinanciado cunha axuda FEDER de 1.300.274,20 €).
Máis información: Proxecto RuralYouthFuture
