• Dez empresas galegas e do norte de Portugal entrevistaron neste evento, celebrado en varias xornadas nas cidades de Vigo e Porto, a 80 candidatos e recibiron 978 currículos para cubrir os seus postos de traballo vacantes.
  • O Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida de Galicia e a Asociación Portuguesa de Bioindustrias colaboraron neste encontro, destinado a favorecer o contacto entre empresarios e traballadores galegos e portugueses co obxectivo de fomentar a contratación transfronteiriza.
  • O ´Job Day´ está considerado un exemplo de boa práctica para a promoción do emprego.
Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2019. A Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (AECT) promoveu nas últimas semanas a quinta edición do ´Job Day´, que este ano se dedicou ao sector da biotecnoloxía. Este encontro, destinado a favorecer a mobilidade laboral e fomentar a contratación de traballadores na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, contou este ano coa participación dez empresas biotecnolóxicas.
As entidades participantes tiveron a oportunidade de entrevistar a 80 candidatos galegos e portugueses nos eventos Job Day celebrados en Vigo e Porto e recibiron tamén uns 978 currículos. Unha vez rematados os procesos de selección para cubrir as súas prazas de emprego dispoñibles, as empresas informarán á Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal dos contratos formalizados.
Nesta edición dedicada á biotecnoloxía colaboraron o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida de Galicia (BIOGA) e a Asociación Portuguesa de Bioindustrias (P-BIO). Os Jobs Days celebrados en Vigo e Porto enmárcanse na IV edición da Feira Internacional de Emprego Universitario (FINDE.U) organizada pola Universidade de Porto, en colaboración coa Universidade de Vigo e a Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro.
A feira acolleu estes encontros entre empresarios e traballadores da comunidade galega e o norte portugués no Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) os pasados 22 e 23 de outubro, e na Feira Internacional do Porto (Exponor) que se celebrou o martes e o mércores desta semana.
Contexto do evento
A Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (AECT) puxo en marcha os Job Days no ano 2014 co obxectivo de achegar a empresas e traballadores transfronteirizos de distintos sectores, unha iniciativa que se presentou en Bruxelas como un exemplo de boa práctica para a promoción do emprego.
Proxecto Eurocidade_2020
A Agrupación Europea de Cooperación Territorial Eurocidade Chaves-Verín é unha agrupación de municipios transfronteiriza con personalidade xurídica propia en España e Portugal que ten como misión xestionar de forma conxunta competencias locais co obxectivo de promover a converxencia institucional, económica, social, cultural e ambiental de todo o seu territorio de actuación.
O proxecto Eurocidade 2020 é en esencia un proxecto de cooperación transfronteiriza (CT) ao ser liderado e permitir a realización do obxecto social dunha AECT: a Eurocidade Chaves-Verín. Pretende fomentar o diálogo entre os diferentes axentes do territorio da Eurocidade e consolidar a CT entre eles mediante a promoción da súa participación nas accións do proxecto e preparar a Eurocidade Chaves-Verín para os desafíos post 2020 asegurando a sustentabilidade da AECT que a xestiona.
Esta iniciativa persegue dar cumprimento, en proximidade, aos obxectivos da estratexia Europa 2020, potenciando o historial da CT como elemento xerador do crecemento intelixente, inclusivo e sustentable, a favor da mellora da calidade de vida dos seus cidadáns.
Todas as actuacións da AECT teñen como primeiros beneficiarios os cidadáns, polo que o principal resultado esperado do proxecto é a melloría da calidade de vida dos cidadáns do espazo de cooperación (e da súa contorna máis próxima).
Preténdese alcanzar unha cidadanía máis activa e participativa na construción da Eurocidade e, consecuentemente, na construción da UE, un maior recoñecemento do apoio e importancia da UE no desenvolvemento local.
Eurocidade_2020 consolidará a Eurocidade Chaves-Verín como ferramenta de integración europea e de desenvolvemento sustentable.
Pode atopar a información sobre a participación da Fundación Galicia Europa no proxecto Eurocidade 2020 aquí.