Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » EuroXuventude »40 000 bonos para explorar Europa con DiscoverEU
— Aberta a mozos e mozas nacidos entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2007
— Solicitudes abertas ata o 13 de novembro de 2025
Bruxelas, 5 de novembro de 2025.- A Comisión Europea ofrece a 40 000 mozos e mozas a oportunidade única de descubrir Europa a través de DiscoverEU, unha acción do programa Erasmus+ que celebra o 40º aniversario do Espazo Schengen.
As persoas nacidas en 2007 poden solicitar un bono de viaxe gratuíto completando un breve cuestionario sobre a Unión Europea no Portal Europeo da Xuventude. As persoas seleccionadas poderán viaxar durante 30 días entre o 1 de marzo de 2026 e o 31 de maio de 2027, e recibirán ademais unha tarxeta de descontos para transporte público, cultura, aloxamento, alimentación, deporte e outros servizos en 36 países europeos.
As persoas viaxeiras poderán planificar a súa propia ruta ou inspirarse nalgúns dos itinerarios propostos pola Comisión, como a “Ruta da Nova Bauhaus Europea”, que percorre cidades de gran atractivo arquitectónico, sostibles e inclusivas, en consonancia con esta iniciativa, ou a “Ruta Verde DiscoverEU”, que leva á mocidade a destinos comprometidos coa sustentabilidade, como as “Capitais Verdes Europeas“ e as cidades participantes na “Misión de Cidades Intelixentes e Climaticamente Neutras“.
A convocatoria está aberta a participantes da Unión Europea e de países asociados ao programa Erasmus+ ata o 13 de novembro de 2025 ás 12:00 horas (hora central europea). Ademais, os mozos e mozas con en situación de discapacidade ou problemas de saúde recibirán apoio adicional, incluíndo a posibilidade de viaxar con acompañantes, en liña cos valores de inclusión de Erasmus+ e DiscoverEU.
Ver esta publicación en Instagram
Sobre DiscoverEU
Desde o seu lanzamento en 2018, DiscoverEU —unha iniciativa do Parlamento Europeo, agora integrada en Erasmus+ 2021-2027— xa permitiu que máis de 391 000 mozos e mozas viaxasen por Europa, e máis de 1,6 millóns de persoas solicitaron participar.
As enquisas posteriores ás viaxes reflicten o impacto positivo do programa:
O 63 % dos participantes viaxaron por primeira vez en tren a outro país.
A maioría destacou que a experiencia lles proporcionou un maior sentido de independencia e confianza persoal.
Dous terzos afirmaron que non poderían financiar o seu pase de viaxe sen DiscoverEU.
As persoas seleccionadas tamén están convidadas a converterse en embaixadoras de DiscoverEU, compartindo as súas experiencias e consellos no grupo oficial #DiscoverEU, que xa conta con máis de 110 000 membros.
Máis información e solicitudes no Portal Europeo da Xuventude
©Fundación Galicia Europa, 2025