O 17 de setembro de 2010, os presidentes das Comunidades Autónomas de Castela e León e Galicia, así como o presidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional da rexión Norte de Portugal, reunidos en Valladolid (Castela e León), asinaron un Memorando para o impulso dunha estratexia de cooperación macrorrexional no sudoeste da Unión Europea, a Macrorrexión de Rexións do Suroeste Europeo (RESOE).
O obxectivo desta estratexia é o de ser un instrumento eficaz para fomentar a cooperación entre os membros que a integren e nos ámbitos funcionais que definan e seguir mellorando a cooperación entre os diferentes niveis de goberno co fin de aplicar tamén os obxectivos políticos da UE dun xeito máis eficaz, en consonancia con Europa 2020.
A Macrorrexión RESOE nace en paralelo ao debate aberto pola Comisión Europea a favor dunha Estratexia da UE para a zona do Atlántico. As tres rexións seguimos moi de preto e contribuímos activamente a este debate.
Galicia, Castela e León e a Rexión Norte de Portugal contan con fortalezas, potencialidades e tamén debilidades que nacen de características históricas, culturais, sociodemográficas e económicas comúns, así como da súa situación periférica dentro da Unión Europea. Para a consecución dos seus obxectivos, constituíronse no seo da Macrorrexión RESOE seis grupos de traballo que reflicten os ámbitos clave nos que inicialmente se propón traballar: economía e industria (con especial atención ao sector da automoción); educación, universidades e investigación; ámbito laboral; medio; cultura e turismo e transportes e loxística.
Presentamos esta iniciativa de cooperación aberta á participación da sociedade civil coa vocación de estar mellor preparados para o escenario financeiro que se abre a partir de 2014, no que a UE debe dar cumprimento ao triplo obxectivo da cohesión económica, social e territorial, segundo se desprende do Tratado de Lisboa.
© Fundación Galicia Europa
Inicio Contacto Mapa Web Aviso legal Protección datos Compatibilidade da web