Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

12/11/2019

A Xunta de Galicia recibe no Comité Europeo das Rexións en Bruxelas a 20 técnicos galegos dentro do programa TecEuropa

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta, Jesús Gamallo, recibindo aos técnicos do programa TecEuropa no CdR.jpg Ver máis...
  • O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta, Jesús Gamallo, inaugurou hoxe a 9ª edición do programa de especialización en financiamento comunitario organizado pola Fundación Galicia Europa desde o ano 2015.
  • Seis participantes desta convocatoria traballan para a administración autonómica, mentres que os 14 restantes son técnicos en concellos, deputacións e entidades sen ánimo de lucro galegas.
  • Os 20 beneficiarios recibirán formación teórica sobre políticas públicas e recursos financeiros da UE, ademais de visitar as principais institucións e órganos comunitarios situados en Bruxelas.
Bruxelas, 12 de novembro de 2019. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta, Jesús Gamallo, recibiu hoxe no Comité Europeo das Rexións (CdR) aos 20 técnicos do sector público autonómico e de entes públicos e privados galegos que participan na nova edición do programa TecEuropa de especialización en financiamento comunitario. O representante galego deu a benvida aos participantes na sede do Comité en Bruxelas, o organismo da UE onde Galicia está representada xunto ás demais rexións e cidades europeas. Este programa formativo é unha iniciativa posta en marcha en 2015 pola Fundación Galicia Europa (FGE) co obxectivo de consolidar e expandir unha rede galega de especialistas en xestión de fondos comunitarios, a través da cal compartir experiencias e coñecementos, así como para desenvolver eventualmente proxectos conxuntos.

Así o confirmou o director xeral no seu discurso de benvida ao facer balance da participación durante as oito edicións precedentes do programa. Desde a súa orixe, TecEuropa formou a 165 participantes do sector público autonómico, dos concellos e deputacións, das tres universidades galegas, de asociacións transfronteirizas, como a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (GNP-AECT), ou de entidades sociais como a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI). Destacou tamén a implicación no programa de representantes do sector privado galego, como representantes das cámaras de comercio ou centros tecnolóxicos galegos da automoción, do téxtil, do mar ou da madeira, entre outros.

Este conxunto de técnicos galegos van conformando unha sólida rede de expertos en financiamento europeo cada vez máis ampla, formada e preparada para atraer novos recursos económicos cara proxectos e iniciativas clave para o futuro da nosa comunidade.

Os participantes desta novena convocatoria recibirán durante unha semana formación teórica sobre as políticas da UE e os instrumentos financeiros que as apoian, ademais de visitar as principais institucións e órganos europeos sitos en Bruxelas para así comprender o seu funcionamento. Así mesmo, se espera tamén que os beneficiarios poidan obter unha visión xeral das posibilidades de financiamento comunitaria que se presentan nos seus respectivos ámbitos profesionais, así como establecer contactos e sinerxías con persoas doutras entidades en Galicia que desenvolvan proxectos similares ou xestionen os mesmos fondos comunitarios.

Relevancia dos axentes rexionais e locais no futuro da UE
Na súa intervención, Jesús Gamallo apuntou tamén a importancia que teñen os entes rexionais e locais de Europa na aplicación das políticas comunitarias e no proceso de construción europeo. As rexións e cidades participan na aplicación da maioría das políticas da Unión Europea, controlando ao redor dun terzo do gasto público total (2,1 billóns de euros anuais) e dous terzos do investimento público (en torno a 200.000 millóns de euros anuais).

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE remarcoulles aos 20 técnicos galegos do programa TecEuropa a relevancia do seu labor diario, no marco da UE, á hora de afrontar retos futuros como o cambio climático ou o Brexit. Gamallo aproveitou a ocasión para enunciar as medidas preparatorias que o Goberno galego xa puxo en marcha co fin de minimizar a saída británica da UE, xunto a todo o traballo institucional acometido pola Xunta perante a Comisión Europea de cara a manter un volume importante de fondos estruturais no próximo marco financeiro plurianual.

Contexto
O programa TecEuropa enmárcase dentro dos obxectivos fundacionais da FGE de ofrecer formación sobre fondos comunitarios e fomentar a participación activa de entidades galegas en proxectos europeos. Dende a súa creación no ano 2015, son 165 os profesionais galegos que recibiron formación específica sobre as políticas públicas da UE e melloraron os seus coñecementos en materia de desenvolvemento, xestión e financiamento de proxectos europeos.

Fonte: Xunta de Galicia

Imaxes relacionadas


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante