05/03/2010

Aberta a matrícula para o curso intensivo de galego que organiza a Fundación Galicia Europa en Bruxelas

  • O curso comezará o luns 8 de marzo
  • Os estudantes divídense en dous niveis: inicial e CELGA 3

Bruxelas, 5 de marzo de 2010. O novo curso intensivo de galego dará comezo o luns 8 de marzo na sede da Fundación Galicia Europa en Bruxelas (38 rue de la Loi, 2º piso, 1040). Aínda existe a posibilidade de inscribirse enviando un correo electrónico ao enderezo bruselas@fundaciongaliciaeuropa.eu ou chamando ao teléfono 02 73 55 440.

Este curso, de carácter intensivo e totalmente gratuíto, constará de 75 horas en total, distribuídas entre os meses de marzo e xuño de 2010. Promovido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, ten como obxectivo a preparación dos exames CELGA, o sistema de certificación de competencia en galego adaptado ao Marco Europeo de Referencia para as Linguas.

Illas Cíes. Vigo, Galicia

Os estudantes dividiranse en dous niveis: o inicial, que terá lugar cada luns e mércores, e o nivel CELGA 3, os martes e xoves. O horario de clases será de 18h00 a 21h00.

Esta é a terceira convocatoria de cursos de galego organizados pola Fundación Galicia Europa. As peticións dos alumnos inscritos no curso do 2009, arredor dunha decena, incitaron aos seus responsables a repetir a experiencia para dar continuidade á súa formación e estender a oferta a máis interesados.

A iniciativa vai dirixida a todas aquelas persoas motivadas para a aprendizaxe ou perfeccionamento do galego. Estudar este idioma permitirá aos asistentes profondar na súa comprensión da Península Ibérica como unha mestura de diferentes culturas históricas e, debido aos seus vínculos co portugués, entrar en contacto coa realidade lusófona.

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legal Protección datos Compatibilidade da web