Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

03/02/2020

Carmen Pomar e Antonio López presentan en Bruxelas o II Cumio Académico e do Coñecemento UE-CELAC da man da Fundación Galicia Europa

A conselleira de Educación e o reitor da USC xunto ao resto da delegación galega na Embaixada de México en Bruxelas.jpg Ver máis...
  • A conselleira de Educación e o reitor da USC manterán encontros e reunións bilaterais con diferentes autoridades internacionais.
  • A finalidade é informar dos detalles do programa e avanzar nos obxectivos do encontro.
  • O Cumio, o maior encontro internacional do ámbito académico entre países de Europa, América Latina e o Caribe, celebrarase en Santiago de Compostela no mes de xuño.
  • A Consellería de Educación financia cunha achega de 352.900 euros este congreso, do que a Universidade de Santiago de Compostela será anfitrioa.
  • A visita oficial da delegación galega foi programada pola oficina en Bruxelas da Fundación Galicia Europa.
Bruxelas, 3 de xaneiro de 2020. A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López, presentan hoxe e mañá en Bruxelas o II Cumio Académico e do Coñecemento UE-CELAC, que se desenvolverá en Santiago de Compostela no mes de xuño. Para iso, manterán encontros e reunións bilaterais con diferentes autoridades internacionais, entre eles o embaixador de México, Mauricio Escanero Figueroa, eurodeputados e embaixadores do grupo de América Latina e Caribe diante das Nacións Unidas. A finalidade é informar dos detalles do programa e avanzar nos obxectivos do evento. 

Na delegación participan tamén a vicerreitora de Titulacións da USC, María Victoria Otero Espinar; e o secretario executivo do Consello Universitario CELAC-UE, Félix García Lausín, entre outros membros do comité organizador, do que a conselleira é presidenta. Toda a axenda desta delegación galega foi organizada e coordinada por membros da oficina en Bruxelas da Fundación Galicia Europa.

Ademais de presentarlles este II Cumio Académico e do Coñecemento UE-CELAC, que é o maior encontro internacional do ámbito académico entre países de Europa, América Latina e o Caribe, as reunións que se desenvolverán estes dous días en Bruxelas teñen como obxectivo avanzar na construción dun espazo común de coñecemento entre os devanditos países, o que constitúe o fin principal do propio Cumio.

A Comunidade de Estados Latinoamericanos e Caribeños (CELAC) é un instrumento intergubernamental de diálogo e concertación política, integrado por países de América Latina e o Caribe, que ten entre as súas atribucións a interlocución e diálogo coa Unión Europea.

Programa da presentación
O programa de reunións de presentación do Cumio comezará hoxe, luns, cun encontro co embaixador de México, Mauricio Escanero, que actualmente ocupa a presidencia pro-tempore da CELAC. Posteriormente a conselleira entrevistarase con embaixadores do grupo de América Latina e Caribe diante das Nacións Unidas (GRULAC).

A axenda do luns completarase cun encontro co embaixador representante permanente adxunto de España diante da UE, Juan Aristegui Laborde, así como con varios representantes da Comisión Europea: Antoaneta Angelova-Krasteva, directora de Cooperación Internacional na Dirección Xeral de Educación, Xuventude, Deporte e Cultura (DG EAC); e Rita Lecbychova, xefa de Unidade de Cooperación Internacional coas Américas, da Dirección Xeral de Investigación e Innovación (DG RTD).

Durante a mañá do martes, manteranse diferentes encontros no Parlamento Europeo con eurodeputados españois das comisións de Educación, I+D e Exteriores, así como da Asemblea Parlamentaria Euro-Latinoamericana (Eurolat), como Javier López, presidente da delegación no Parlamento Europeo de Eurolat; así como con Javier Fernández, director de Políticas Exteriores do Parlamento Europeo e co-secretario de Eurolat.

Xa pola tarde, celebrarase unha reunión conxunta co Servizo Europeo de Acción Exterior (SEAE) e a Dirección Xeral de Cooperación Internacional e Desenvolvemento (DG DEVCO), que se celebrará na sede da Fundación Galicia Europa.

Cumio Académico e do Coñecemento UE-CELAC
O II Cumio Académico e do Coñecemento UE-CELAC congregará na capital de Galicia a máis de 500 participantes europeos e iberoamericanos do mundo académico, investigador, científico e do emprendemento, así como autoridades internacionais, para debater e poñer en común estratexias que impulsen a cooperación e o desenvolvemento inclusivo en educación superior, cun acceso equitativo e de calidade, que faciliten o intercambio de coñecementos e a transferencia de tecnoloxías.

A Consellería de Educación achegará un total de 352.900 euros para financiar os gastos de desenvolvemento deste encontro, a través dun convenio de colaboración asinado coa Universidade de Santiago de Compostela.

A celebración deste II Cumio Académico e do Coñecemento CELAC-UE en Santiago de Compostela foi acordada en outubro de 2017 no marco do Consello Universitario desta entidade na Conferencia anual da Asociación Nacional de Universidades e Instituciones de Educación Superior de México (ANUIES), que tivo lugar en Guadalajara (México); e que contou co visto e prace das tres universidades do Sistema Universitario Galego (SUG).

Espazo Común
En concreto, no Cumio afondarase no papel das universidades na asociación estratéxica establecida entre a UE e os 33 países que compoñen a Comunidade de Estados Latinoamericanos y Caribeños (CELAC), en como orientar a actividade académica e investigadora cara ao cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU e a Axenda 2030, así como nos mecanismos necesarios para construír un Espazo Común de Educación Superior e de Investigación UE-CELAC.

Entre os obxectivos do Espazo Común, enunciados na Declaración de San Salvador (5 e 6 de outubro de 2017), está o de afondar no impulso da mobilidade académica, a cooperación entre institucións e o intercambio de experiencias e boas prácticas en materia de docencia, investigación, extensión e xestión. Así mesmo, fomentaranse acordos bilaterais, rexionais e birrexionais de recoñecemento de títulos e plans de estudo, dentro do marco da autonomía universitaria, co fin de aproximar os sistemas de educación superior europeos, latinoamericanos e caribeños. Neste sentido, cómpre tamén crear un marco de colaboración entre os sistemas nacionais e rexionais de avaliación, calidade e acreditación, como base de cara a favorecer e potenciar a mobilidade.

No eido da I+D+i, impulsarase a cooperación entre os sistemas de investigación científica, de tecnoloxía e innovación, particularmente no que atinxe á mobilidade de investigadores, o uso compartido de infraestruturas e capacidades científicas, e a participación de científicos de ambas rexións en proxectos de investigación estratéxicos conxuntos.

Fundación Galicia Europa 
A Fundación Galicia Europa (FGE) é unha entidade instrumental do sector público autonómico creada en 1988 co fin de promover todas as accións que propicien o achegamento entre Galicia e Europa. Participada por diversas entidades públicas e privadas galegas, esta fundación está vinculada funcionalmente á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia. A FGE conta con dúas oficinas operativas: unha localizada en Santiago de Compostela e outra emprazada en Bruxelas.

Imaxes relacionadas


Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante