Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

25/10/2019

Conde afirma que a prioridade da Xunta é blindar a estabilidade das empresas galegas para manter a súa proxección internacional

Francisco Conde intervindo no 7º acto do Foro Galego do Brexit organizado pola FGE e o IGAPE.jpg Ver máis...
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiu na sede da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) de Vigo á xornada "Brexit e EEUU: novo escenario das relacións comerciais internacionais". 
  • Aposta por converter estes retos en oportunidades a través da apertura cara a novos mercados e da diversificación de produtos.
  • Conde chama á unidade para asegurar a estabilidade e confianza do tecido empresarial galego.
  • A Xunta ten a disposición das empresas que exportan ao Reino Unido unha plataforma de asesoramento e unha xanela na que poden facer as súas consultas, ademais do cheque Brexit que se activará tras a saída do país británico da Unión Europea.
Vigo, 25 de outubro de 2019. O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiu esta mañá en Vigo á xornada "Brexit e EEUU: novo escenario das relacións comerciais internacionais", na que subliñou que a prioridade da Xunta é blindar a estabilidade das empresas galegas para manter a súa proxección internacional.

Así, Conde puxo en valor o tecido empresarial galego e destacou que, co apoio da Xunta, está sabendo anticiparse para paliar os efectos que poderían ter sobre a economía galega tanto un posible Brexit sen acordo como as relacións con Estados Unidos.

O conselleiro de Economía da Xunta explicou que o Reino Unido ten que seguir sendo un dos principais aliados comerciais de Galicia a través das 500 empresas exportadoras do eido téxtil, da automoción, do sector conserveiro ou do pesqueiro. Lembrou o plan de continxencia posto en marcha polo goberno galego a través de estudos, informes e a busca de aliados e rexións afíns e no que destaca a plataforma dixital de asesoramento a disposición das empresas galegas, e unha xanela na que se resolve calquera tipo de consulta e se ofrece información sobre o Reino Unido. Ademais, porase en marcha o cheque Brexit -para apoiar as empresas que exportan ao Reino Unido- unha vez se confirme a saída do país británico da Unión Europea.

Con respecto a Estados Unidos incidiu nas boas relacións comerciais e lembrou a colaboración acordada co Condado de Miami Dade para explorar novas vías de intercambio comercial en sectores como o turismo e o contract; ademais do compromiso da empresa Boeing co desenvolvemento do sector aeronáutico galego.

Conde defendeu que Galicia debe converter estes retos en oportunidades xa que as empresas galegas son as grandes embaixadoras da marca Galicia Calidade, e subliñou o esforzo por abrir novos mercados -con misións comerciais nos últimos anos a México, China, Israel ou Arxentina- e pola diversificación de produtos. Francisco Conde finalizou chamando á unidade para asegurar a viabilidade e confianza do tecido empresarial galego.

Análise das relacións comerciais de Galicia con Reino Unido e os EEUU
Ademais da intervención do conselleiro de Economía, este sétimo acto do Foro Galego do Brexit contou coa participación doutros actores vencellados ao tecido empresarial galego e ao sector profesional das relacións internacionais. 

O primeiro en intervir na sesión foi Antonio Hernández, socio da asesoría e consultora KPMG España, quen presentou o Brexit como un reto máis nun entorno actual no que cambiou a operativa das empresas, destacando así mesmo a posibilidade de ver a saída británica da UE como un paquete de novas oportunidades. Na mesma liña entorno ao Brexit se expresaron   Javier Touza, presidente da Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo, e Juan Vieites, secretario xeral de ANFACO, ao destacar o peso específico das exportacións galegas no mercado británico e presentar a retirada do Reino Unido da Unión como unha ocasión para poder estreitar vínculos e construir un novo marco de relacións. Pola súa parte, Jorge Dezcallar, diplomático e ex embaixador de España en EEUU, analizou a situación actual co país norteamericano e as súas boas relacións comerciais con Galicia.  

Foro Galego do Brexit
O Foro Galego do Brexit é unha iniciativa da Fundación Galicia Europa destinada a recompilar e difundir información relevante para aquelas institucións, sectores empresariais e cidadáns galegos que poidan verse afectados polas repercusións do Brexit nas súas actividades laborais ou persoais.

Para tal propósito, o Foro ofrece unha recompilación do avance das negociacións, e fomenta o intercambio de información e opinións entre os principais actores económicos e sociais de Galicia a través da realización de diversos actos como seminarios, debates ou conferencias. O Foro foi inaugurado en abril de 2018 en Santiago de Compostela polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e do Embaixador Representante Permanente de España ante a Unión Europea, Pablo García-Berdoy.

Este sétimo evento do Foro Galego do Brexit tamén serviu para dar a coñecer a nova sección da súa web, Respostas Brexit, a cal ofrecerá á cidadanía e empresas de Galicia a información máis actualizada e completa sobre a influencia e repercusións do Brexit.

Fonte: Xunta de Galicia

Imaxes relacionadas


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante