Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

04/06/2019

A Fundación Galicia Europa coordina unha reunión das oficinas autonómicas sobre a actualidade das estratexias de especialización intelixente

A FGE acolleu na súa sede en Bruxelas unha reunión da CORE que versou sobre I+D+i.jpg Ver máis...
  • A  Fundación acolleu unha reunión dos grupos de I+D+i e Política Rexional da rede informal de Colaboración entre as Oficinas Rexionais Españolas (CORE) en Bruxelas.
  • O encontro serviu para facer un balance do estado de situación na UE da I+D+i, a transformación dixital, a competitividade das pemes e as capacidades e estratexias para desenvolver unha especialización intelixente.
Bruxelas, 4 de xuño de 2019. A oficina de Bruxelas da Fundación Galicia Europa organizou e acolleu hoxe na súas instalacións unha reunión das oficinas de representación autonómica xunto cun representante da Dirección Xeral de Política Rexional e Urbana (DG REXIO) da Comisión Europea, Santiago Donat. Tras unha análise inicial sobre os puntos débiles e fortes da investigación e innovación na Unión Europea, os asistentes abordaron as estratexias de especialización intelixente postas en marcha en toda a UE de cara a propiciar unha transformación económica baseada no potencial local, unindo a axentes clave ao redor dunha visión compartida e concentrando os recursos en certas prioridades. 

A día de hoxe existen máis de 120 estratexias de especialización intelixente dotadas de  máis de 65 mil millóns de euros, en parte procedentes dos recursos da política europea de cohesión. A Comisión Europea apoia o desenvolvemento destas células de innovación mediante a Plataforma RIS3, con sede en Sevilla, e varias iniciativas como as plataformas temáticas RIS3 e as accións piloto para as rexións en transición industrial e para as iniciativas interrexionais de investimento en innovación. 

Galicia conta coa súa propia estratexia de especialización intelixente RIS3 desde marzo de 2014, a cal é coordinada pola Axencia Galega de Innovación (GAIN). A finalidade desta estratexia é consolidar a economía galega para o ano 2020 nunha senda socialmente recoñecible. É dicir, o obxectivo é lograr unha mellora do crecemento e a competitividade en base á transformación do modelo produtivo dende o modelo actual de intensidade tecnolóxica medio-baixa nas actividades produtivas, a un novo modelo caracterizado por unha intensidade tecnolóxica medio-alta mediante a absorción das Tecnoloxías Facilitadoras Esenciais (TFE) por parte dos sectores arraigados, xunto co posicionamento da rexión como referente no sur de Europa na oferta de servizos e produtos intensivos en coñecemento vinculados co envellecemento activo e a vida saudable. Esta visión aspira a alcanzar tres retos complexos: en primeiro lugar, un novo modelo de xestión dos recursos naturais e culturais baseado na innovación; en segundo lugar, un novo modelo industrial sustentado na competitividade e o coñecemento, e por último, un novo modelo de vida saudable cimentado no envellecemento activo da poboación. Para acadar ditos retos deseñáronse 20 instrumentos agrupados en catro programas cadro: o Peme Innova, o Innova en Galicia, o Galicia Transfire e o Emprendemento Innovador.

No próximo período de financiamento comunitario 21-27, as rexións europeas deberán seguir demostrando que contan cunha estratexia de especialización intelixente dinámica, con implicación de todas as partes interesadas e con adecuados instrumentos de seguimento e avaliación para medir con detalle os seus resultados. 

A Fundación Galicia Europa lidera desde o ano pasado o grupo de coordinación técnica de Cohesión dentro da rede informal de Colaboración entre as Oficinas Rexionais Españolas (CORE) en Bruxelas.



Imaxes relacionadas


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante