Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

29/11/2018

A Fundación Galicia Europa organiza en Bruxelas un novo debate do Foro Galego do Brexit

A Fundación Galicia Europa organizou hoxe, no marco do Foro Galego do Brexit, o terceiro debate sobre este tema.jpg
  • A Fundación Galicia Europa organiza un novo debate sobre a saída do Reino Unido da UE cos 40 profesionais galegos participantes no curso TecEuropa
  • O conselleiro Brexit da Representación Permanente de España ante a UE, Ricardo Díez-Hochleitner, foi o encargado de presentar o proceso e analizar o acordo de retirada
  • Na mesma xornada, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, representou a Galicia na comisión CIVEX do Comité Europeo das Rexións

Bruxelas, 29 de novembro de 2018. A Fundación Galicia Europa organizou hoxe, no marco do Foro Galego do Brexit, o terceiro debate sobre este tema, menos dunha semana despois de que se anunciase o acordo para a retirada do Reino Unido da Unión Europea. O acto contou coa presenza do conselleiro encargado do Brexit na Representación Permanente de España ante a UE, Ricardo Díez-Hochleitner, e de 40 participantes no programa TecEuropa 2018 como público.

Díez-Hochleitner resumiu aos asistentes o ano e medio de negociacións que conduciron ao acordo anunciado polo presidente do Consello Europeo, Donald Tusk, o pasado domingo. A pesca, de maior interese para Galicia, tivo especial peso neste encontro. O conselleiro explicou así que o Reino Unido seguirá sendo membro da política común de pesca durante a transición pero que solo será consultado á hora de distribuír as cotas pesqueiras. Isto significa que os membros da UE poderán seguir pescando en augas británicas ata o 2020, cunha etapa de transición que pode chegar ata o ano 2022.

Ana Ramos, directora da Fundación Galicia Europa, foi a encargada de explicar todo o traballo levado a cabo neste ámbito en diferentes foros como a Comisión do Arco Atlántico, encontros coa Comisión Europea e o Parlamento Europeo ou coa alianza co sector pesqueiro europeo a través European Union Fisheries Alliance.

Exemplos deste traballo, nesta mesma semana, son a participación do director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, na reunión do grupo operativo que analiza as posibles consecuencias da saída do Reino Unido da UE nas rexións atlánticas, dentro da Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas. Gamallo inaugurou esta reunión, celebrada na oficina da representación dos Países Baixos ante a UE, analizando o acordo sobre o Brexit e as súas particularidades, así como sobre a posibilidade de que este sexa rexeitado polo Parlamento británico. Ademais, os representantes das rexións Atlánticas e do Mar do Norte, que por primeira vez se sumaban ao debate, expuxeron as medidas de continxencia que puxeron en marcha en caso de que, finalmente, o acordo non sexa ratificado.

Na mesma liña, o pasado luns, o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, reuniuse co embaixador representante permanente de España ante a Unión Europea, Pablo García-Berdoy, para analizar, tanto as actuais negociacións do marco financeiro plurianual 2021-2027, como o recente anunciado acordo sobre o Brexit.

Foro Galego do Brexit

O Foro Galego do Brexit é unha iniciativa da Fundación Galicia Europa destinada a recompilar e difundir información relevante para aquelas institucións, sectores empresariais e cidadáns galegos que poidan verse afectados polas repercusións do Brexit nas súas actividades laborais ou persoais.

Para tal propósito, o Foro ofrece unha recompilación do avance das negociacións e fomenta o intercambio de información e opinións entre os principais actores económicos e sociais de Galicia a través da realización de diversos actos como seminarios, debates ou conferencias.

O Foro foi inaugurado en Santiago de Compostela no mes de abril polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e do Embaixador Representante Permanente de España ante a Unión Europea, Pablo García-Berdoy. Santiago de Compostela acolleu tamén o segundo acto deste Foro, celebrado no mes de maio na Cámara de Comercio baixo o título “Como facer negocios no Reino Unido e consecuencias do Brexit”.

Reunión da Comisión CIVEX

Jesús Gamallo completou a súa semana de traballo en Bruxelas asistindo á reunión da Comisión de Comisión de Cidadanía, Gobernanza, Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) do Comité Europeo das Rexións (CDR). Os líderes europeos debateron, principalmente, sobre a desinformación en liña e como combatela a nivel local e rexional.

O novo Instrumento de Veciñanza, Desenvolvemento e Cooperación Internacional proposto a partir de 2020 tamén foi analizado nun debate exploratorio. No próximo orzamentario da UE a longo prazo a Comisión propón aumentar a dotación de acción exterior nun 30%, pasando de 94.500 millóns de euros, no período 2014-2020, a 123.000 millóns de euros de 2021-2027. O CDR aplaude este incremento de dotación do fondo pero propón simplificacións e a eliminación de requisitos xeográficos que non dificulten o acceso a esta fonte de financiamento por parte dos entes locais e rexionais.

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante