Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

27/11/2018

40 galegos fórmanse en Bruxelas en financiamento comunitario grazas ao programa TecEuropa

Visita de TecEuropa ao Parlamento Europeo.jpg Ver máis...
  • O curso de especialización en financiamento comunitario organizado pola Fundación Galicia Europa celebra a súa sexta e sétima edicións
  • O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, foi o encargado de inaugurar o curso destacando a grande oportunidade que supoñen os fondos europeos para atraer financiamento ás iniciativas galegas 
  • Os participantes na formación proceden, principalmente, da Xunta de Galicia, de entidades locais, do terceiro sector e das tres universidades galegas
Bruxelas, 27 de novembro de 2018. A Fundación Galicia Europa (FGE) puxo en marcha esta semana en Bruxelas a primeira parte  da sexta e sétima edicións do programa de especialización en financiamento europeo, TecEuropa. Por primeira vez, os 40 participantes, seleccionados entre as 64 solicitudes recibidas, realizarán a primeira parte da formación de maneira conxunta na capital comunitaria completándoa, cunha parte práctica, en Santiago de Compostela en dúas quendas: 11 e 12 de decembro, para o primeiro grupo, e 13 e 14 decembro para o segundo. 

O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, foi o encargado de inaugurar TecEuropa cun discurso no que salientou a aposta da FGE por formar técnicos especializados na presentación de proxectos europeos, así como en consolidar redes de especialistas na xestión dos fondos comunitarios de cara a atraer financiamento para as iniciativas galegas.

A semana de formación en Bruxelas componse de diferentes explicacións sobre a realidade político – institucional da UE, o marco orzamentario 2014-2020 e os diferentes programas de financiamento existentes. A parte máis teórica da formación é impartida por a Fundación FinnovaRegio. Na presente edición trataranse con maior profundidade a Política de Cohesión a partir de 2020 e os programas Horizonte 2020 (innovación) e LIFE (medio ambiente).

A saída de Reino Unido da Unión Europea, prevista para marzo de 2019, tamén dispón dun espazo no programa formativo que será impartido polo encargado do Brexit na Representación permanente de España ante a UE, Ricardo Diez-Hochleitner.

Entidades participantes 

Un ano máis, dende a primeira edición celebrada en 2015, TecEuropa reuniu a profesionais galegos do sector público e privado e do terceiro sector especializados en diferentes ámbitos. Así, doce dos participantes do curso proceden de diferentes consellerías e axencias da Xunta de Galicia como son as consellerías de Medio Rural e Facenda, a Axencia Galega de Innovación, a Axencia de Coñecemento en Saúde ou Instituto Galego de Promoción Económica. 

Os entes locais e o terceiro sector tamén están amplamente representados en TecEuropa 2018 contando cada grupo con once asistentes. Entre o sector local atópanse os concellos de A Estrada, Ribadeo, Sada, Nigrán, Ponteceso e Ourense así como da Deputación de Pontevedra. Pola súa parte, os 11 participantes da sociedade civil traballan en ámbitos tan variados como son a xuventude, o medio ambiente, a cooperación ao desenvolvemento ou a discapacidade . 

As tres universidades galegas (Vigo, Santiago e A Coruña) tamén forman parte do listado de participantes que se completa coa asistencia de dous membros do centro tecnolóxico Asociación de Investigación Metalúrxica do Noroeste (AIMEN). 

O programa TecEuropa enmárcase dentro dos obxectivos da FGE de formación e fomento de participación de entidades galegas en proxectos europeos. Contando a presente edición, son xa 145 os profesionais galegos que puideron ampliar os seus coñecementos e formación sobre as fontes de financiamento da UE así coma o seu funcionamento. 

Galicia vota en Europa

A FGE aproveitou tamén esta ocasión para lanzar a súa campaña para animar ao voto de cara ás eleccións europeas do 2019. Baixo o lema #GaliciaVotaNaUE, a FGE únese á iniciativa Esta vez voto posta en marcha polo Parlamento Europeo, que pretende loitar contra a abstención creando unha comunidade de voluntarios dispostos a promover a importancia do voto e da participación nos próximos comicios europeos.  

O obxectivo é animar á sociedade galega, e principalmente á xuventude, a que participe nas eleccións europeas do vindeiro 26 de maio. Nas pasadas eleccións ao Parlamento Europeo, celebradas en 2014, o 73 % dos mozos españois de entre 18 a 24 anos non acudiu a votar. 


Imaxes relacionadas


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante