Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

21/10/2018

A Xunta defende a importancia da política de cohesión na Asemblea da Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas

Asemblea da Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas.jpg
  • No marco da Asemblea, expuxéronse as propostas galegas a prol dunha futura política de cohesión forte e ambiciosa despois do 2020
Madeira (Portugal), 21 de outubro de 2018. Nun momento no que o debate sobre o futuro de Europa ocupa un lugar protagonista na axenda da Unión Europea, a política de cohesión constitúe unha importante ferramenta para fortalecer o proxecto europeo. É o principal instrumento de solidariedade da Unión Europea e a única política da UE enfocada ao ámbito rexional e local, executada de conformidade coa gobernanza multinivel e co principio de subsidiariedade.

Así, é clave no plano rexional pero tamén no europeo, xa que é a política de investimentos a longo prazo que mellor permite desenvolver o potencial do mercado único e lograr os obxectivos da UE en todas as súas rexións, aproveitando ao máximo as fortalezas de cada territorio para contribuír ao desenvolvemento sostible e equilibrado da UE, o que fai dela unha das máis visibles e significativas para os cidadáns.

Galicia constitúe un exemplo dos efectos positivos da política de cohesión, que nos permitiu reforzar notablemente a integración económica e política da nosa comunidade autónoma e mellorar a gobernanza. Os Fondos Estruturais e de Investimento Europeos (Fondos EIE) melloraron a accesibilidade dos territorios, o apoio ao tecido produtivo, o incremento da educación, a formación e a I+D+i e o fomento do desenvolvemento rural e do sector pesqueiro. Ademais, tiveron un importante efecto panca para a mobilización de recursos tanto públicos como privados, e contribuíron á aplicación das prioridades comunitarias en Galicia, como as relacionadas coa política de protección do medio ambiente ou a igualdade de oportunidades.

Por iso, de cara ás novas propostas da política de cohesión para o período 2021-2027, a Xunta de Galicia está a seguir de preto e a participar neste debate tanto por si mesma como en colaboración con outras entidades estatais e autonómicas, en defensa dos seus intereses. Esta foi a postura que reivindicou Galicia na Asemblea xeral da Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas (CRPM) que tivo lugar nos días 18 e 19 de outubro no arquipélago de Madeira, en Portugal.

Neste período no que se está a definir o futuro orzamento comunitario para o período 2021-2017, a Xunta de Galicia defende, en todos os foros nos que participa, a vontade de contribuír ao deseño dunha futura política de cohesión que integre a todos os territorios da UE, solicitando que prevea instrumentos específicos para as zonas máis afectadas por desafíos demográficos, tales como un maior peso dos criterios demográficos no método de asignación de fondos ou unha maior flexibilidade tanto na elección dos obxectivos temáticos como nas taxas de cofinanciación.

Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas ( CRPM)

A  CRPM (Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas de Europa) reúne a unhas 160 rexións, entre elas Galicia, de 27 estados de dentro e fóra da Unión Europea.

As súas actividades céntranse principalmente na cohesión social, económica e territorial; as políticas marítimas e o crecemento azul; e a accesibilidade. Outras áreas importantes das súas actividades son o goberno europeo, a enerxía e o cambio climático, a boa veciñanza e o desenvolvemento.

A organización está dividida en sete comisións xeográficas correspondentes ás concas marítimas europeas, cunha forte dimensión territorial. Estas comisións (Arco Atlántica, Mar Báltico, Mar do Norte,  Intermediterránea, Balcáns  Mar Negro e as Illas) traballan de forma estreita cos grupos de traballo da  CPMR, organizados de acordo a ámbitos crave da política europea.

A Xunta de Galicia para a súa participación na  CRPM conta co apoio e asistencia do equipo da Fundación Galicia Europa. 


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante