Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

18/09/2018

Galicia, protagonista en tres seminarios da Semana Europea das Rexións e das Cidades 2018

Semana Europea das Rexións e das Cidades 2018.png Ver máis...
  • O 10 de outubro Galicia participará nun obradoiro sobre desenvolvemento local nas zonas costeiras organizado polo Comité Europeo das Rexións
  • A FGE acollerá dous eventos na súa sede: o 8 de outubro, sobre estratexias de dixitalización de pemes,  e o 11 de outubro sobre turismo cultural
  • O plazo de rexistro nos máis de 150 seminarios e debates, que terán lugar entre o 8 e o 11 de outubro, remata o vindeiro 28 de setembro
Bruxelas, 18 de setembro de 2018. A Fundación Galicia Europa (FGE) está a impulsar, un ano máis, a participación galega na Semana Europea das Rexións e das Cidades 2018. Este ano un representante da Consellería do Mar participará nun seminario organizado polo Comité Europeo das Rexións e, ademais, a FGE acollerá na súa sede en Bruselas dous seminarios: “Iniciativas locais no eido do turismo cultural: un legado para Europa”, organizado xunto con NECSTouR, a rede europea de  autoridades rexionais de turismo, da que Galicia forma parte, e "Impulsar a adopción de tecnoloxías dixitais por parte das pemes europeas", organizado pola Rede de Investigación e Innovación das Rexións de Europa (ERRIN), da que a Axencia Galega da Innvación (GAIN) forma parte. 

O 10 de outubro, de 9.30 a 11.30 horas, no centro de conferencias SQUARE terá lugar o seminario “EU funding from the botton-up” sobre zonas costeiras innovadoras organizado pola comisión de Asuntos Naturais (NAT) do Comité Europeo das Rexións xunto a Farnet, a Rede Europea de Zonas de Pesca. Con Galicia como exemplo de boas prácticas, intervirá un representante da conselleira do Mar para explicar o papel dos Grupos de Acción Local de Pesca e o seu impacto na consecución de zonas de pesca sostible así coma a aplicación da Política Pesqueira Común. 

Neste encontro, seguido por un evento de networking que se prolongará ata as 12.30 horas, os participantes terán a oportunidade de intercambiar opinións sobre o papel dos Grupos de Acción Costeira no desenvolvemento sustentable das zonas de pesca e da aplicación da Política Pesqueira Común. Membros do Parlamento Europeo e expertos locais participarán neste seminario para debater sobre os beneficios de utilizar un enfoque dende as bases para o desenvolvemento local nas áreas costeiras, tanto rurais coma urbanas. 

A FGE, sede do evento “Iniciativas locais no eido do turismo cultural: un legado para Europa”

O 11 de outubro, de 9.00 a 13.30 horas na sede da Fundación Galicia Europa,  NECSTouR explicará a súa contribución ao Ano Europeo de Patrimonio Cultural 2018, destacando o papel do turismo como elemento clave para a sustentabilidade do patrimonio cultural. Durante o acto, no que intervirán a Axencia de Turismo de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela, presentarase a versión final dunha declaración política sobre as sinerxías entre o patrimonio cultural e o turismo baixo o nome “Mellores lugares para vivir, mellores lugares para visitar”. 

Este taller ten como obxectivo o intercambio de experiencias dende diferentes perspectivas  que poidan servir de inspiración e proporcionen exemplos ás rexións e cidades da UE sobre como fortalecer o valor do turismo e o patrimonio cultural de maneira conxunta.

Tamén na sede da Fundación Galicia Europa terá lugar o día 8 de outubro o evento "Impulsar a adopción de tecnoloxías dixitais por parte das pemes europeas", organizado polo Consello Rexional Consultivo do proxecto europeo I4MS-Go, Innovación TIC para as PEMEs Industriais,  que coordina GAIN. O evento ten como obxectivo aumentar a contribución das rexións á estratexia da Comisión Europea para dixitalizar a industria europea. 

Participación do Eixo Atlántico

Pola súa parte, a asociación de municipios de Galicia e Norte de Portugal, Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, organiza, o mércores 10 de outubro, de 9.30 a 11.00 horas no SQUARE, o seminario “A Axenda Urbana na Península Ibérica. Compartindo unha experiencia transfronteriza”. Un panel no que se exporán as experiencias acumuladas no proceso de creación da primeira Axenda Urbana Transfronteiriza de Europa ou o proceso de definición da Axenda Urbana nacional. 

16º aniversario da Semana Europea das Rexións e Cidades

Desde 2003, o Comité Europeo das Rexións (CdR), en colaboración coa Dirección Xeral de Política Rexional da Comisión Europea (DG REGIO), celebra cada ano a principios de outubro unha semana dedicada ás rexións e cidades de Europa. 

Trátase dun evento que, durante catro días, brinda a funcionarios das administracións rexionais e locais, expertos e representantes do mundo académico a posibilidade de poñer en común boas prácticas e coñecementos especializados en materia de desenvolvemento rexional e urbano.

Polo seu 16º aniversario, a Semana Europea das Rexións e das Cidades centra o seu programa na Política de Cohesión, que neste 2018 cumpre 30 anos, baixo o título “Por unha Política de Cohesión da UE máis forte máis alá de 2020”. 

O prazo para inscribirse en calquera dos seminarios, debates e actos previstos dentro da Semana Europea das Rexións e das Cidades está aberto dende principios de xullo e pechará o vindeiro 28 de setembro.



Imaxes relacionadas


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante