Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

27/07/2018

Galicia e Gales selan a súa vontade de colaboración en materia económica, educativa e cultural, sociosanitaria e pesqueira

O presidente da Xunta e o ministro principal do País de Gales asinan un memorando de entendemento.jpg
  • O acordo avanza no espírito da Declaración de Cardiff, que marca a posición das rexións periféricas e marítimas de Europa ante as negociacións do brexit
  • O ministro principal galés, Carwyn Jones, ratificou o compromiso de estreitar os vínculos económicos con Galicia con senllas visitas a Televés e á incubadora de proxectos de innovación farmacéuticos da Fundación Kaertor e Janssen
  • “A política pesqueira non debe ser un anexo ou unha moeda de cambio máis nas negociacións do brexit, senón que debe ter unha importancia proporcional ao peso social e económico da economía costeira”, resume Feijóo

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2018. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asinou hoxe un memorando de entendemento co ministro principal do País de Gales, Carwyn Jones, para selar a vontade de colaboración das dúas comunidades en materia económica, educativa e cultural, sociosanitaria e pesqueira, ante as incertezas que presenta o proceso de separación do Reino Unido da Unión Europea.

Feijóo fixo referencia á ligazón histórica entre ambos os territorios, cimentada a través do comercio atlántico. “Con este memorando de entendemento, os lazos históricos entre os nosos dous pobos transfórmanse nunha vontade de afrontar unidos os retos que os nosos pobos teñen en común neste momento”, afirmou.

Este encontro, que contou para a súa organización co apoio da Fundación Galicia Europa, é herdeiro da xuntanza que mantiveron na capital de Gales as rexións periféricas e marítimas de Europa —coa presenza do presidente da Xunta—, na que se asinou a Declaración de Cardiff, que marca a posición destes territorios ante as negociacións do brexit. “Con ese documento constátase que as rexións europeas non nos limitariamos a ser espectadores pasivos das negociacións: a nosa obriga é defender os intereses dos nosos cidadáns e garantir que a separación non se salde cun fracaso para todos”, resumiu Feijóo.

No ámbito económico, o presidente da Xunta informou de que, como primeiro paso dentro da cooperación á que se comprometen Galicia e Gales, o ministro principal visitou esta mañá Televés e a primeira incubadora de proxectos de investigación farmacéuticos, desenvolvida pola Fundación Kaertor de Ángel Carracedo e Mabel Loza e a farmacéutica Janssen. No ámbito social, Feijóo recordou as similares características demográficas de ambas as rexións e indicou que o memorando prevé cooperar en materia sanitaria e en medidas que favorezan un envellecemento activo.

O memorando tamén contempla intensificar os lazos educativos e culturais, fomentando os intercambios entre os profesionais das nosas comunidades. Nesta liña, Carwyn Jones lembrou que na universidade galesa de Bangor xa existe unha cátedra de lingua galega.

A política pesqueira nas negociacións do Brexit

O presidente da Xunta fixo especial fincapé no sector marítimo-pesqueiro, no que Galicia e Gales comparten desafíos semellantes. Na nosa Comunidade, unha ruptura total das negociacións —o coñecido como brexit duro— podería afectar uns 110 buques, 96 empresas e 1700 tripulantes.

Galicia leva traballando para minimizar o impacto do brexit sobre a economía pesqueira desde o mesmo 23 de xullo de 2016 no que se votou en referendo: elaboráronse dous informes académicos para avaliar o seu impacto económico e trasladouse a preocupación do sector a todas as instancias europeas, ademais de converternos na primeira rexión que asinou a declaración en favor das comunidades pesqueiras.

“A política pesqueira non debe ser un anexo ou unha moeda de cambio máis nas negociacións do brexit, senón que debe ter un apartado especial, dado o impacto económico e social que pode ter en Europa, e moi concretamente nas rexións atlánticas”, resumiu.

Feijóo lembrou que a xestión conxunta dos recursos pesqueiros non foi unha imposición da Unión Europea, senón o recoñecemento do que era e segue sendo unha realidade na natureza e na práctica pesqueira. “Levantar barreiras nos caladoiros suporía reescribir a Historia, torcendo ademais as liñas sobre as que se escribirá o futuro”, indicou.

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante