Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

24/07/2018

Máis de 32.000 persoas beneficiáronse das actividades levadas a cabo pola Fundación Galicia Europa en 2017

Padroado 2018.jpg
    • A Fundación Galicia Europa celebrou hoxe a reunión do seu padroado, que aprobou as contas e fixo balance do traballo levado a cabo durante o ano pasado
    • Asistiron a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, e o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo
    • Entre as actividades de 2017, destacan as visitas institucionais de seis membros do goberno galego a Bruxelas e dúas novas edicións do programa de formación en proxectos europeos “TecEuropa”
    • A aposta por unha Política Rexional forte, a extensión do Corredor Atlántico de transporte ata Galicia e a defensa da Política Pesqueira Común ante o escenario do Brexit foron os principais eixos de traballo desta entidade instrumental da Xunta de Galicia 
             
            Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2018.- A Fundación Galicia Europa (FGE) mantivo esta mañá a reunión do seu Padroado onde se destacou que, durante 2017, máis de 32.000 persoas se beneficiaron das actividades levadas a cabo pola entidade e que preto de 700 se involucraron nas actividades de formación e sensibilización sobre a Unión Europea. 
             
            A este encontro, de carácter semestral, asistiron a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, e o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo. Tras aprobar a liquidación das contas anuais, Jesús Gamallo destacou o traballo da FGE para defender os intereses galegos en Europa que, en 2017, se centrou na aposta por unha política rexional forte que garanta fondos estruturais para Galicia ata o 2027, na extensión do Corredor Atlántico de transporte ata Galicia e na defensa da política pesqueira común ante o escenario do Brexit. 
             
            Para estes e outros fins, seis membros do Goberno galego- incluído o Presidente- viaxaron a Bruxelas durante o pasado ano con axendas preparadas e coordinadas pola Fundación Galicia Europa. Coa mesma finalidade, a FGE promoveu e facilitou a participación galega en 10 foros de debate celebrados na capital belga e en 22 reunións do Comité Europeo das Rexións (CdR), contribuíndo así a que Galicia liderase dous ditames no CdR: un, sobre a nova axenda europea en materia de cooperación ao desenvolvemento e, outro, sobre o Fondo Europeo Marítimo e Pesqueiro a partir de 2021, ambos os dous aprobados por unanimidade en febreiro de 2017 e maio de 2018, respectivamente. 
             
            Como se recolle na memoria de actividades aprobada hoxe, a Fundación tamén traballou de maneira intensa para achegar os debates europeos a Galicia, organizando tres diálogos cidadás en Santiago de Compostela para reflexionar sobre o futuro de Europa no marco dun amplo proceso de consulta levado a cabo en toda a UE. 
             
            Fomento da participación en proxectos europeos 
            En relación coa formación e o fomento da participación en proxectos europeos, a FGE organizou en 2017 a cuarta e a quinta edición do seu programa TecEuropa, que congregou a 40 técnicos de entidades locais, universidades, ONG galegas e da propia administración autonómica para reforzar os seus coñecementos sobre o financiamento comunitario. 
             
            Ademais, grazas a un convenio de colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, iniciou a súa participación como socia en dous proxectos de cooperación transfronteiriza co Norte de Portugal: LIDERA, que pretende catalizar as oportunidades de emprego e emprendemento dos mozos da Eurorexión e, EUROCIDADE 2020, que ten por obxectivo reforzar a cooperación entre Chaves e Verín, dous municipios transfronteirizos que comezan a xestionar de forma conxunta os seus servizos. 
             
            Fundación Galicia Europa
            O padroado da Fundación está composto pola Xunta de Galicia, ABANCA, o Consorcio Zona Franca de Vigo, a Deputación da Coruña, a Deputación de Lugo e a Axencia Galega de Innovación (GAIN). 

            A FGE ten o mandato pola Xunta de Galicia para exercer a representación autonómica galega ante as institucións e órganos da Unión Europea seguindo as directrices do Goberno autonómico e respectando os principios de unidade de acción exterior do Estado.




            © Fundación Galicia Europa

            Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante