Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

06/06/2018

Galicia representa ao Comité Europeo das Rexións nas Xornadas Europeas de Desenvolvemento

EDDs.jpg

• O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo, acude ás Xornadas Europeas de Desenvolvemento en nome do Comité Europeo das Rexións, grazas á súa experiencia como relator sobre a materia

• Na súa XIII edición o evento conságrase á temática de xénero no ámbito do desenvolvemento, reunindo a personalidades como o presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker, os presidentes de Liberia e Ruanda, ou a primeira ministra de Noruega. Á sesión asistiu tamén a Raíña de España

• Galicia, que aposta polo empoderamento das mulleres a través dos seus proxectos de cooperación internacional, recollerá ideas para seguir mellorando o impacto e resultados das súas intervencións

Bruxelas, 6 de xuño de 2018. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo, acude, en representación do Comité Europeo das Rexións, ás Xornadas Europeas de Desenvolvemento (EDD, polas súas siglas en inglés) que se celebran, hoxe e mañá, na capital europea. Baixo a temática “Mulleres e nenas á vangarda do desenvolvemento sostible”, o evento tratará como temáticas principais a igualdade de xénero e o empoderamento e participación de mulleres e nenas como parte esencial para acadar o desenvolvemento sostible.

A sesión inaugural reuniu ao maior número de autoridades,  contando coa participación da Raíña Letizia, o presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker, a vicesecretaria xeral da ONU, Amina  Mohammed, e a directora executiva de ONU Mulleres,  Phumzile  Mlambo- Ngcuka. Tamén abriron o foro o presidente de Liberia, George  Weah, o de Ruanda, Paul Kagamé, a de Malta,  Marie-Louise Coleiro, e a primeira ministra de Noruega,  Erna Solberg,  entre outros.

Galicia, representada a través de Gamallo, aproveitará a súa participación neste evento para recoller ideas e boas prácticas que poder incorporar ás súas liñas de actuación.  A Xunta de Galicia mantén un firme compromiso coa implementación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible fixados polas Nacións Unidas na Axenda 2030 e tamén coa problemática de xénero que queda recollido no IV Plan director da cooperación galega para o desenvolvemento 2018-2021 nun dos cinco ámbitos estratéxicos sobre os que se concentrarán as actuacións de cooperación ao longo do período que abrangue o Plan. Dito ámbito denomínase “Impulsar a equidade de xénero e o empoderamento e o exercicio de dereitos das mulleres e da infancia”. Igualmente, a equidade de xénero recóllese no IV Plan director como unha prioridade transversal o que implica que en todas as actuacións e instrumentos da cooperación galega deberá incorporarse de forma sistemática a perspectiva de xénero en desenvolvemento, para a promoción dunha cultura de igualdade e o cumprimento dos dereitos políticos, económicos, laborais, sociais e culturais das mulleres e nenas, así como dos seus dereitos sexuais e reprodutivos.

Guatemala, O Salvador, Mozambique, República Dominicana ou Nicaragua son algúns dos países nos que actualmente se desenvolven proxectos de cara mellorar a saúde sexual e reprodutiva das mulleres ou poñer fin á violencia de xénero mediante a formación vocacional e técnica ou o fortalecemento da intervención público-comunitaria das mulleres. 

O IV Plan director da cooperación galega 2014-2012 xa foi aprobado polo Consello Galego de Cooperación e polo Consello da Xunta de Galicia, atopándose neste momento no Parlamento de Galicia á espera da súa aprobación definitiva.

Primeiro aniversario do Consenso Europeo sobre Desenvolvemento 

Esta é a segunda ocasión na que Galicia representa ao Comité Europeo das Rexións nas Xornadas Europeas de Desenvolvemento. Na pasada edición, Jesús Gamallo foi partícipe da cerimonia de firma Consenso Europeo sobre Desenvolvemento, que agora cumpre un ano, en calidade de relator do Comité Europeo das Rexións sobre a temática.

O texto de Galicia sobre cooperación aprobado en febreiro de 2017 no CdR incidía na relevancia do papel que poden desempeñar os gobernos locais e rexionais no logro dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS), debido á súa proximidade cos problemas reais. Doutra banda, a proposta galega pedía potenciar a coordinación e a coherencia entre a política de desenvolvemento e outras políticas comunitarias, como a axuda humanitaria ou a agricultura.

EDD 2018

As Xornadas Europeas do Desenvolvemento lanzáronse no ano 2006 como unha forma de reunir á comunidade internacional do desenvolvemento e debater o camiño a seguir para erradicar a pobreza.

Organizados pola Comisión Europea, os EDD convertéronse nun forte punto de referencia para a comunidade internacional do desenvolvemento de cara a compartir ideas e experiencias que inspiren solucións innovadoras e novas alianzas para enfrontar os desafíos máis urxentes do mundo. 


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante