Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

15/05/2018

Galicia celebra as tres décadas de difusión dos valores europeos e de reivindicación dos intereses galegos en Europa

O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe as tres décadas de difusión dos valores europeos e de reivindicación dos intereses galegos en Europa da Fundación Galicia Europa.jpg
  • Feijóo recoñece que se a Unión Europea é cada vez máis valorada na nosa terra é, en boa parte, grazas ao traballo que esta fundación está a desenvolver desde 1988
  • Afirma que este aniversario é o mellor dos incentivos para afrontar os retos futuros, “porque Galicia ten moito que dicir na UE e a nosa voz ten que escoitarse cada vez con máis claridade”
  • Nun momento en que moitos cidadáns europeos parecen darlle as costas á Unión, avoga por reforzar a confianza neste proxecto común, a través da participación de todos
Bruxelas, 15 de maio de 2018.- O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe as tres décadas de difusión dos valores europeos e de reivindicación dos intereses galegos en Europa da Fundación Galicia Europa, recoñecendo que se a Unión Europea é cada vez máis valorada na nosa terra é, en boa parte, grazas ao traballo que esta fundación está a desenvolver desde 1988.

Durante o acto de celebración do 30 aniversario, Feijóo resaltou deste xeito o seguimento das políticas comunitarias estratéxicas para a Comunidade, un labor que se foi adaptando ao longo dos anos e incorporando áreas que hoxe tamén son prioritarias como as políticas de I+D+i e competitividade. “Sodes a voz de Galicia ante a UE, porque levades as reivindicacións da Comunidade e a nosa cultura ao corazón do continente; e tamén a voz da Unión Europea ante todos os galegos, a través dos foros, seminarios e xornadas”, dixo, recordando que sen esta entidade sería impensable que en Bruxelas se fixese, por exemplo, unha mostra sobre o Día das Letras Galegas.

Nesta liña, aseverou que esta actividade se desenvolveu sempre en sintonía e en coordinación coa actividade do Goberno de España.

Máis que unha celebración de todo o que fixo esta fundación, o titular da Xunta afirmou que estas tres décadas son o mellor dos incentivos para afrontar os retos futuro, “porque Galicia ten moito que dicir na Unión Europea e a nosa voz ten que escoitarse cada vez con máis claridade”.

“Temos que reivindicar unha política agraria común que siga potenciando a modernización e a remuda xeracional no agro; un reparto dos fondos que teña en conta factores como a dispersión poboacional ou a evolución demográfica; que o futuro Fondo Europeo Marítimo e de Pesca sexa máis áxil e eficaz; e que o brexit non supoña que se levanten murallas entre as augas británicas e as comunitarias”, abundou, incidindo en que trinta anos despois de que esta oficina abrise as súas portas, a Fundación Galicia Europa é máis necesaria que nunca ante os grandes desafíos no horizonte.

Así mesmo, e nun momento en que moitos cidadáns europeos parecen darlle as costas á Unión, o presidente da Xunta avogou por reforzar a confianza neste proxecto común, a través da participación de todos. Ao respecto, resaltou que a Fundación Galicia Europa seguirá traendo os valores, o compromiso e a lealdade de Galicia ao corazón das institución comunitarias; e seguirá explicando os logros acadados co apoio da Unión Europea.

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante