Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

27/12/2017

A Fundación Galicia Europa presenta no seu Padroado as súas prioridades de actuación para 2018

4203F_1516295223_17_12_27_-2_patronato_FGE.jpg
  • O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda presidiu a reunión da Fundación Galicia Europa, que hoxe celebrou o seu segundo Padroado semestral do ano
  • Neste ano la Fundación realizou un especial seguimento daqueles aspectos do futuro de Europa importantes para Galicia, como o brexit, a política de cohesión e o transporte
  • En 2018, a FGE terá como prioridades a negociación do orzamento da UE para despois de 2020, a especialización en financiamento comunitario a través do TecEuropa e o seguimento da saída de Reino Unido da UE, para a que se lanzará un Foro Galego do Brexit
  • A Fundación Galicia Europa cumprirá 30 anos o vindeiro 2018 defendendo os intereses de Galicia ante a UE
Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2017. O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda presidiu hoxe a reunión da Fundación Galicia Europa (FGE), que hoxe celebrou o seu segundo Padroado semestral do ano, onde se expuxeron as liñas de actuación da Fundación Galicia Europa para o ano que vén. Estas prioridades xirarán en torno á definición do Marco Financeiro Plurianual despois de 2020, a creación dun Foro Galego do brexit e o afondamento no programa de especialización en financiamento comunitario TecEuropa.

O Plan de actuacións da Fundación Galicia Europa para 2018 recolle entre as súas principais prioridades a defensa dos intereses galegos no actual debate sobre o orzamento comunitario a partir de 2020, ano no que termina o actual marco financeiro plurianual. A Comisión Europea publicará a súa proposta ao respecto a finais de maio de 2018. As novas prioridades da axenda europea (migración, defensa, control de fronteiras), unidas á saída de Reino Unido da UE (que aporta o 15% do orzamento comunitario) auguran unha redución e redistribución do orzamento da UE, que afectará principalmente á Política Rexional e á Política Agrícola Común, ambas de máximo interese para a nosa comunidade. Todo isto fai imprescindible participar activamente neste debate.

Ademais, a raíz das propostas na reunión do padroado de xuño de 2017, en 2018 lanzarase o Foro Galego do brexit, un instrumento de acceso público que ten como finalidade recompilar e difunder información relevante para os sectores da sociedade galega que poidan verse afectados polas repercusións do Brexit nas súas actividades laborais ou persoais. Para tal propósito, a FGE está a traballar no desenvolvemento dun sitio web, no que se concentre a información sobre o avance das negociacións e se fomente o debate en liña.

Por último, a FGE quere consolidar o seu programa de especialización en financiamento comunitario “TecEuropa”, co que trata de mellorar, mediante sesións en Bruxelas e Santiago, as capacidades de profesionais de entidades galegas públicas e privadas para participar en proxectos de dimensión europea. O obxectivo para 2018 é afianzar a rede de contactos establecida entre os participantes a través da organización de máis encontros en Galicia, tras o primeiro celebrado o día 14 de decembro. A FGE prevé ademais organizar para 2018 máis edicións deste programa con novos participantes.

Actividades da FGE
A FGE, que cumpre 30 anos no vindeiro 2018, ten o mandato da Xunta de Galicia para exercer a representación autonómica galega ante as institucións e órganos da Unión Europea seguindo as directrices do Goberno autonómico e respectando os principios de unidade de acción exterior do Estado. Así, a Fundación prestou apoio á participación da nosa comunidade no Comité Europeo das Rexións (CdR), que aprobou por unanimidade en febreiro un ditame galego sobre o novo Consenso Europeo sobre Desenvolvemento. O ano próximo, ademais, Galicia liderará un ditame sobre o futuro do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), que será elaborado e defendido en Bruxelas polo Presidente da Xunta de Galicia.

A Fundación fai un seguimento de políticas relevantes para Galicia, que este ano viraron en torno ao futuro da Política de Cohesión, á revisión do Mecanismo Conectar Europa en transporte e ao Brexit. Neste último aspecto, a FGE coordina o grupo de traballo específico das rexións do Arco Atlántico sobre o impacto da saída de Reino Unido da UE nesta zona do continente, especialmente no ámbito da pesca. O resultado desta coordinación foi a Declaración política do Arco Atlántico sobre brexit, que recolle as peticións das rexións atlánticas. Ademais, a Fundación Galicia Europa tamén colaborou na redacción da Declaración Brexit de Cardiff da CRPM (Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas), firmada polo presidente da Xunta na capital de Gales.

Por outra banda, a FGE mantén o seu obxectivo de fomentar o debate e formar en asuntos europeos. Neste sentido, participou na organización de tres eventos en Santiago de Compostela sobre o futuro de Europa, prioridade deste 2017: un diálogo cidadán con Miguel Arias Cañete, comisario europeo de Acción polo Clima e Enerxía, e Alberto Núñez Feijóo; unha charla de Stefano Sannino, embaixador de Italia en España e antigo REPER, acerca da situación de Europa, e un acto sobre a construcción de Europa cos fondos comunitarios, que se atopaba patrocinado pola campaña Reflexionar sobre Europa do CdR.

A maior parte dos recursos asignados ao obxectivo de formación en asuntos comunitarios destínanse a financiar as seis bolsas de formación para mozos galegos nas oficinas da FGE de Santiago e Bruxelas, convocadas de novo para 2018. O compromiso da FGE coa formación permitiu que, nestes 30 anos de existencia, máis de 400 persoas coñecesen máis de preto a UE a través das súas bolsas de formación.



Documentos para descarga



© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legal Protección datos Perfil de contratante