16/07/2010

A Fundación Galicia Europa entregou os premios do concurso de fotografía 2010 dedicado á ”loita contra a pobreza e a exclusión social en Galicia”

Santiago, 16 de xullo de 2010.- O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE e director-apoderado da Fundación Galicia Europa, Jesús Gamallo, entregou onte os premios do concurso fotográfico “Loita contra a pobreza e a exclusión social en Galicia”.

A imaxe “Solo” de Iago Castillo Baquero recibiu o primeiro premio, cunha contía de 2.000 euros; “Cando o meu amigo reza” de Juan Morera Arbones fíxose co segundo galardón, dotado con 1.000 euros; e “Rico sabor amargo” de Rosa María Cordero Arístegui acadou o terceiro de 500 euros.

Ademais dos tres primeiros premios, o xurado presidido polo fotógrafo Pepe Ferrín, decidiu conceder mencións especiais a outras tantas fotografías: “Mañana puedes ser tú” de Yolanda Gómez Mirón; “Loita pola integración” de Óscar Vázquez Arrojo; e “Complexo residencial” de Patricia Pedrido Davila.

Xunto a estas instantáneas, outras trece fotografías foron seleccionadas para ser expostas coas gañadoras e as mencións especiais na sala do Hotel AC Palacio del Carmen onde se celebrou a entrega de premios. Todas as obras seleccionadas formarán parte dunha exposición itinerante que percorrerá as deputacións galegas –na súa calidade de membros do padroado- e rematará cunha exposición na oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas.

Ano Europeo de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social

A Fundación Galicia Europa convocou o certame fotográfico “Loita contra a pobreza e a exclusión social en Galicia” como iniciativa de apoio á celebración neste 2010 do Ano Europeo de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social. Unha medida coa que a UE quere chamar a atención dos seus cidadáns sobre as condicións de vida dos máis desfavorecidos.

Unha campaña que a Fundación Galicia Europa secunda e coa que fai un chamamento á reflexión sobre unha realidade de múltiples caras e coa que convivimos nas nosas vilas e cidades. Desde a Fundación apélase á colaboración de todos, non necesariamente a través de grandes actos, como poden ser doazóns económicas, senón a través de pequenos xestos, como quitar unha simple fotografía, que sen dúbida poden constituír unha chamada máis efectiva á solidariedade.

  • XUNTA DE GALICIA
  • NOVAGALICIA
  • CAMARAS
  • ZONA FRANCA
  • DIP. CORUÑA
  • DIP. LUGO

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legal Protección datos Compatibilidade da web