03/05/2010

A Fundación Galicia Europa celebra a Semana de Europa divulgando o Tratado de Lisboa e promocionando o Xacobeo 2010

Construíndo a UESantiago de Compostela, 3 de maio de 2010. A Fundación Galicia Europa celebra do 4 ao 9 de maio a Semana de Europa cunha serie de eventos que buscan achegar o labor das institucións comunitarias aos cidadáns, fomentar a conciencia europea e promocionar Galicia e o Xacobeo 2010 nos Estados membros da UE.

Os actos, repartidos entre Santiago de Compostela e Bruxelas, céntranse na promoción do Xacobeo 2010 e na divulgación do novo marco xurídico da Unión Europea, tras a entrada en vigor do Tratado de Lisboa o pasado 1 de decembro de 2009. Precisamente, ese será o tema abordado polo eurodeputado Francisco Millán Mon na conferencia “Situación actual e perspectivas de futuro da UE coa entrada en vigor do Tratado de Lisboa”. Nesta charla-debate, que terá lugar o venres 7 de maio, presentarase o texto do Tratado de Lisboa en galego, comentado por expertos académicos e editado pola Fundación Galicia Europa, que repartirá exemplares aos asistentes.

O sábado día 8 de maio, con motivo da xornada de portas abertas das institucións comunitarias, Galicia contará con dous espazos promocionais do Xacobeo 2010, un na sede do Consello da UE e outro no Comité das Rexións. Ademais, a Fundación organiza outras dúas actividades coas que implicar aos galegos nunha maior toma de conciencia da Unión Europea. Así, o mércores 5 de maio, alumnos de primaria de diversos centros de Santiago de Compostela montarán un crebacabezas xigante do mapa de Europa na praza do Toural; e o día 6 de maio, estudantes galegos e estranxeiros -Programa Erasmus- farán unha lectura pública da Carta dos Dereitos Fundamentais da UE na Alameda.

A Semana de Europa concluirá o día nove de maio, Día de Europa, cunha declaración institucional do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

 

Promoción do Ano Santo 2010

O Camiño de Santiago contará con dous espazos de difusión no Open Days que celebrarán as institucións europeas o sábado 8 de maio en Bruxelas. O Comité das Rexións acollerá un stand, no que estarán representadas nove rexións españolas unidas para divulgar as rutas xacobeas. Ademais, o Consello da UE tamén disporá dun expositor dedicado á Presidencia Española, quen adquiriu o compromiso de promocionar este Ano Santo 2010.

A xornada de portas abertas prevé alcanzar as 5.000 visitas, polo que supón unha magnífica oportunidade para dar a coñecer Galicia dentro da UE e promocionar o eixo vertebrador europeo sen igual que supón o Camiño de Santiago.

 

Programa da Semana de Europa

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legal Protección datos Compatibilidade da web