Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

08/05/2019

A Consellería do Mar enxalza o papel de Galicia como primeiro produtor e comercializador de cefalópodos da UE

A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, na Seafood Exposition de Bruxelas.jpg Ver máis...
  • A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, asistiu na Feira Internacional Seafood de Bruxelas á presentación dun estudo sobre o polbo.
  • A Xunta de Galicia destaca a importancia de informes como o elaborado polo Observatorio Europeo dos Produtos da Pesca e da Acuicultura para mellorar as políticas relacionadas cos produtos do mar.
  • O informe sobre o polbo inclúe as lonxas de Vigo, Ribeira, A Coruña e Burela entre as españolas que máis recurso fresco comercializaron durante 2017.
Bruxelas, 8 de maio de 2019. A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, destacou hoxe o papel de Galicia como maior produtor de cefalópodos de España e de Europa durante a presentación dun avance do estudo sobre o mercado do polbo elaborado polo Observatorio Europeo dos Produtos da Pesca e da Acuicultura (Eumofa, polas súas siglas en inglés). Durante o acto, que se celebrou no posto da Consellería do Mar da feira Seafood de Bruxelas, a representante do Executivo galego explicou que España é o maior produtor e comercializador deste cefalópodo na Unión Europea, por diante de Italia e Portugal, grazas á contribución de Galicia.

A directora xeral de Pesca destacou a importancia de contar con este tipo de informes e enxalzou o labor da Eumofa, «unha organización que traballa para incrementar a transparencia e a eficiencia do mercado da pesca e da acuicultura, analiza a dinámica dos mercados e serve de apoio ás empresas e profesionais do sector». Este traballo, incidiu, fai «un innegable servizo» na mellora das políticas públicas relacionadas cos produtos do mar.

A presentación que acolleu a caseta de Galicia correspóndese cun avance do estudo completo do mercado do polbo que se publicará a finais deste ano e que supón a actualización doutro informe xa realizado pola  Eumofa en 2018. «Desde a Xunta queremos agradecer esta interesante iniciativa xa que nos permite participar e divulgar o traballo desta importante organización e fainos partícipes dos resultados de mercado dunha especie de tanta relevancia no noso mercado: en Galicia, en España e en Europa», explicou Mercedes Rodríguez.

Informe sobre o polbo
O avance do estudo indica que as capturas mundiais do polbo común -o Octopus  vulgaris, como o que se pesca en Galicia- conseguiron as 460.000 toneladas en 2017, das que a Unión Europea achega o 7%. De feito, desembárquelos en portos da UE superaron en 2016 as 30.000 toneladas, cun valor de máis de 160 millóns de euros. España, Portugal e Italia concentraron o 80% desas descargas.

O traballo da Eumofa tamén incide no descenso das cantidades desembarcadas na última década e da facturación derivada delas, pero destaca que o prezo medio desta especie aumentou un 23%. Entre as lonxas de España que máis polbo fresco recibiron durante 2017, o estudo inclúe varias galegas como Vigo (6% do total), Ribeira (4%), A Coruña (3%) e Burela (3%).

O informe tamén aborda o mercado exterior do polbo, cos principais países de orixe e destino, as tendencias de consumo nos fogares e unha análise dos prezos deste cefalópodo no mercado comunitario.

Visita da conselleira do Mar
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou onte os postos das empresas galegas presentes na Seafood Exposition da capital belga. Na feira marítimo-pesqueira deste ano participan máis de 70 entidades galegas, das que 37 van da man da Xunta de Galicia. Durante a súa visita aos expositores galegos, a titular de Mar puido departir co comisario europeo de Medio Ambiente, Asuntos Marítimos e Pesca, o político maltés Karmenu Vella.

Nesta edición da Seafood Expo Global, a Consellería do Mar da Xunta ten un papel destacado na mostra española da feira ao contar cun posto de case 450 m2 distribuído en dúas illas, nas están presentes ás 37 entidades coexpositoras: Oversea Atlantic Fish, Pescadona, Peixemar, Baipesca Fish, S.A. Eduardo Vieira, Salgado Congelados, Barlovento, Frigoríficos Iberport, Pescados Hermanos Lijó, Sargopesca, Pesciro, Mar do Suido, Mejillones Nidal, Copemar, Paquito, OR.PA.GU Gourmets, Mariscos Linamar, Copesma, Congelados Videmar, Direct Fish, Mariscos Gilmar, Fergo Fresco, Pablo Iglesias, Frigobotana, Cassua, Frigoríficos de Camariñas, Pescados Vixa, Pasteurizados Cíes, Pescados Rubén, Anfaco-Cecopesca, Fesba, Frigoríficos Arcos, Pereira Productos del Mar, Grupo Profand, Froitomar, Frigomar Burela e Leiro. As entidades galegas restantes acudiron de xeito independente.

Aproveitando a súa visita, Rosa Quintana puxo de relevo a importancia de estar presente en feiras especializadas como a Seafood Expo Global de a fin de impulsar a comercialización dos produtos do mar galegos, explorar novos mercados, establecer sinerxias con outros países de tradición pesqueira e fomentar a internacionalización da marca Galicia. Nesta liña, a conselleira lembrou que, ademais de na Seafood Exposition de Bruxelas, o mar galego estivo representado en eventos internacionais como a Seafood de Boston, o Salón Gourmets de Madrid ou Tutto Food Milán; e tamén estará noutras feiras similares que se celebrarán en lugares como Hong Kong, ou Colonia, entre outros.


Imaxes relacionadas


Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante