Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

26/04/2019

O Camiño de Santiago protagonizará a alfombra floral que cubrirá a Grand Place de Bruxelas a fin de promocionar o Xacobeo 2021

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, felicitando aos alfombristas ponteareáns na Praza do Obradoiro. Fonte: Xunta de Galicia.jpg
  • A Asociacion ponteareá, Alfombristas do Corpus Christi de Ponteareas, deseñará e participará activamente na elaboración da ‘Flower Carpet’ que se colocará na praza da capital belga entre os días 13 e 16 de agosto de 2020.
  • A Fundación Galicia Europa tivo un papel destacado na culminación deste proxecto cultural con vistas á promoción de Galicia e da cultura galega en Bruxelas no marco do vindeiro Ano Santo.
Bruxelas, 26 de abril de 2019. A Asociacion de Alfombristas do Corpus Christi de Ponteareas, en colaboración coa oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas, conseguiu que o Concello de Bruxelas aprobase o proxecto sobre o Camiño de Santiago presentado pola entidade ponteareá para o deseño dunha alfombra floral de 1.800 m2 que cubrirá a Grand Place de Bruxelas entre os días 13 e 16 de agosto de 2020. O deseño foi elaborado por Andrea Estévez Fernández e Miguel Ángel Garcia Correa.

O deseño final plasma elementos típicos do Camiño de Santiago, xa que o ano 2021 será Ano Santo Xacobeo, e a da propia ruta compostelá, posto que a percorren todos os anos centos de miles de peregrinos chegados de todas as partes do mundo. Este proxecto supón conectar Bruxelas, capital de Europa, con Santiago de Compostela, unha das capitais espirituais de Europa xunto con Fátima, Lourdes, Roma ou Padua. De feito, tanto a capital belga como a capital galega viven ao redor dun praza central, a Grand Place e a Praza do Obradoiro respectivamente, e un camiño que une ambas cidades.

O Ano Santo Xacobeo inaugúrase coa cerimonia de apertura da Porta Santa o 31 de decembro do 2020. «Queremos pois, que a ´Brussels Flower Carpet 2020´ sexa esa porta simbólica que inaugure o próximo Ano Santo Xacobeo en toda Europa», apuntan dende a Asociación de Alfombristas do Corpus Christi de Ponteareas, subliñando ademais que con esta iniciativa, «tamén unimos dúas tradicións de alfombristas, a Brussels Flower Carpet, o soño de Etienne Stautemas, e a tradición bicentenaria das alfombras que para o Corpus Christi fanse en Ponteareas».

A asociacion ponteareá quixo agradecer públicamente «o apoio incondicional da Xunta de Galicia e do conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez González; da directora de Turismo de Galicia, Maria Nava Castro Domínguez; a comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira Marimón; a directora da Fundación Galicia Europa, con sede en Bruxelas, Ana Ramos Barbosa; do parlamentario galego, Francisco Millan Mon, e do Concello de Ponteareas por crer todos no noso proxecto».

Finalmente, a Asociación tivo unha lembranza especial para «Xiana Vilar Sopeña, bolseira da Fundación Galicia Europa, tristemente falecida, quen nos axudo e orientou na consecución deste soño».

Papel clave da Fundación Galicia Europa na consecución do proxecto
A Fundación Galicia Europa (FGE) tivo un rol importante na participación final do colectivo floral de Ponteareas na ´Brussels Flower Carpet 2020´, ao defender o proxecto perante as autoridades públicas locais pertinentes, dar cobertura e soporte aos principais voceiros da iniciativa e planificar as visitas dos políticos e técnicos galegos que negociaron o deseño floral galego para a Grand Place de Bruxelas durante a súa axenda na capital europea. 

Todo o traballo e apoio loxístico realizouse co firme propósito de tender pontes entre estas dúas antigas mostras culturais basadas na arte floral, xunto coa promoción do Ano Santo Xacobeo 2021. Nesta sentido, a antiga bolseira da FGE, Xiana Vilar Sopeña, quen tristemente faleceu, desempeñou un papel fundamental na culminación deste éxito para a nosa comunidade autónoma.



© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante