Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

28/09/2017

Nava Castro salienta en Bruxelas o valor europeísta e sustentable do Camiño de Santiago no Día Mundial do Turismo

Nava Castro e Ana Ramos, directora da FGE en Bruxelas, co presidente do Parlamento Europeo, Antonio Tajani. © Fundación Galicia Europa Ver máis...
  • A directora de Turismo de Galicia participou onte nos actos conmemorativos organizados polo Parlamento europeo onde expuxo o modelo turístico galego
  • Formou parte dunha mesa redonda con representantes doutros destinos europeos, así como dalgunhas das axencias de viaxes máis representativas do mundo
  • Afondou na aposta de Galicia por un turismo responsable, diversificado e planificado que potencia a promoción sustentable dos recursos propios

Bruxelas, 28 de setembro de 2017. A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, salientou onte en Bruxelas o decisivo papel do Camiño de Santiago como vínculo da nosa Comunidade co sentimento europeísta e situou á ruta xacobea como unha das principais fortalezas de Galicia como destino turístico.

Nava Castro fixo estas valoracións no Parlamento Europeo, onde participou nos actos conmemorativos do Día Mundial do Turismo organizados polo órgano lexislativo da Unión Europea coa intención de reflexionar sobre a estratexia europea do futuro que mellore a competitividade da industria do turismo no contexto mundial.

Durante a súa participación, Nava Castro presentou o modelo responsable de xestión turística de Galicia, como un destino de calidade, diversificado e sustentable. Puxo en valor o papel do Camiño de Santiago como unha das principais fortalezas para a internacionalización do destino, lembrando o traballo da administración autonómica por garantir o seu mantemento co Plan director e estratéxico do Camiño de Santiago que está a fortalecer o desenvolvemento turístico sustentable da ruta.

 

Aposta polo turismo cultural

Nava Castro tamén recordou a aposta de Galicia polo turismo cultural, apoiándose nos itinerarios culturais europeos, en seis dos cales está presente Galicia, que demostran, dixo “o enriquecemento e intercambio e facilitan a conciencia dunha identidade europea común”. Neste sentido, fixo mención ao itinerario cultural de vikingos e normandos, o itinerario europeo dos cistercienses, a ruta do arte rupestre prehistórica ou o ruta europea do Patrimonio Termal e das Cidades termais, un eido, no que, como recordou, Galicia é líder en Europa grazas ao enorme potencial da provincia de Ourense.

Referíndose ao reto de conquistar novos mercados, a directora de Turismo de Galicia salientou a importancia do Ano do Turismo Unión Europea-China que se celebrará en 2018, como “unha gran oportunidade para explorar este mercado, aprender a atraer visitantes e ofrecerlles a mellor experiencia”. Algo que, como recordou, xa puideron avanzar as autoridades galegas na visita institucional ao país asiático hai uns meses, onde se fortaleceron contactos e se constatou o interese deste mercado por Europa. Referiuse, ademais, a Brasil ou India como outros mercados cos que traballar.

 

Mesa redonda

A  mesa redonda na que participou a directora de Turismo de Galicia estivo presidida pola presidenta da Comisión de Cultura e Educación do Parlamento Europeo, Petra Kammerevert, e contou coa presenza da deputada do Parlamento Europeo e da Comisión de Transportes e Turismo, Isabella del Monte; do ministro rexional de Turismo da rexión de Emilia Romagna, Andrea Corsini; da vicepresidenta e secretaria xeral do Foro Mundial de Economía do Turismo, P.Ho; do vicepresidente senior de Estratexia e Relacións con Inversores de Ctrip, Z. Xiaolu; do director executivo da comisión europea de Viaxes, Eduardo Santander; do vicepresidente da Fondazione Altagamma, Armando Branchini e do presidente da Asociación Dimore Storiche Italiane, GaddoDella Gherardesca.

No relatorio tamén estiveron convidados o alcalde de Venecia, Luigi Brugnaro; a alcaldesa axunta de Budapest, Alexandra Szalay-Bobrovniczky; o alcalde de Constanza, D. Fagadau e o presidente da Academia de Turismo de China, B. Dai.


Un destino cada vez máis competitivo

A viaxe da directora de Turismo a Bruxelas completouse fortalecendo contactos no eido europeo e inclúese nos obxectivos da Estratexia do turismo de Galicia 2020 para seguir constituíndo a identidade universal de Galicia e de Europa e intensificar a promoción en novos mercados e mercados internacionais xa existentes.

Neste sentido, Galicia traballa por situarse como destino de referencia, para estar preparada ante a irrupción de novos destinos turísticos, aproveitar o potencial do sector, transformando os desafíos en oportunidades. Todo isto nun momento no que, como se explicou no encontro, prevese que o número de turistas internacionais se duplique de aquí a 2030 e, polo que Europa, co seu singular patrimonio cultural, paisaxístico e natural traballa para atraer boa parte desta nova demanda. 

Fonte: Xunta de Galicia


Imaxes relacionadas


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legal Protección datos Perfil de contratante