Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

27/04/2017

Feijóo aborda os retos de futuro da pesca galega en Bruxelas e avoga por converter o Brexit nunha oportunidade para o sector

O presidente Feijóo atende aos medios na Seafood de Bruxelas. © Fundación Galicia Europa

  • Refírese tamén á necesidade de seguir flexibilizando as cotas, e lembra que as últimas negociacións xa permitiron que aumentasen en cantidade (un 40% máis) e en valor (un 100% máis)
  • Aposta tamén por unha maior flexibilidade para facer compatible a prohibición dos descartes coa práctica do día a día
  • Incide en que o Brexit afecta a máis de 105 buques galegos en Gran Sol e Malvinas, a arredor de 1700 tripulantes galegos e a un volume de negocio de máis de 250 millóns de euros
  • Valora a sensibilidade mostrada polo director xeral de Asuntos Marítimos e Pesqueiros da Comisión Europea, e avanza o compromiso de presentar un segundo documento sobre o impacto socioeconómico do Brexit en Galicia
  • Constata a fortaleza do sector galego, á cabeza en innovación, transformación e industrialización dos produtos do mar e dunha pesca sustentable

Bruxelas, 27 de abril de 2017. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, abordou o martes co director xeral de Asuntos marítimos e pesqueiros da Comisión Europea, Joâo Aguiar Machado, os retos de futuro da pesca galega e avogou por converter o Brexit nunha oportunidade para o sector.

Consciente do “enorme reto” que se abre, Feijóo entregou, durante o encontro, ao director xeral o informe A retirada do Reino Unido da Unión Europea e as súas posibles consecuencias para o sector pesqueiro galego, un documento que, elaborado de forma conxunta co sector, destaca a importancia da pesca para a Comunidade e avalía o impacto do novo escenario.

Así, ademais de poñer de manifesto a necesidade dun acordo internacional de pesca de reciprocidade para as cuestións de acceso mutuo aos recursos pesqueiros, o texto salienta que o proceso afectará a libre circulación de case 900 tripulantes españois de buques británicos, a libre circulación de mercadorías e o orzamento da Unión Europea.

Outro aspecto importante, segundo o documento, é o xudicial, xa que a partir do Brexit o Tribunal Europeo de Xustiza da Unión Europea deixará de ter competencias para resolver os litixios UE-Reino Unido, no ámbito marítimo-pesqueiro, e haberá que acudir aos procedementos previstos no dereito internacional e desenvolver outros novos.

Por último, o informe fai fincapé na necesidade de facer un seguimento de como se resolve a participación do Reino Unido nos tratados e en organizacións internacionais, así como a súa presenza nas institucións europeas. E incide en que o Brexit afecta a máis de 105 buques galegos en Gran Sol e Malvinas, a arredor de 1700 tripulantes galegos e a un volume de negocio de máis de 250 millóns de euros.

Logo de presentar este primeiro informe, Feijóo valorou a sensibilidade mostrada polo director xeral de Asuntos Marítimos e Pesqueiros da Comisión Europea, e avanzou o compromiso da Comunidade de presentar un segundo documento sobre o impacto socioeconómico do Brexit en Galicia. Un texto que, explicou, xa se está a elaborar coa facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela e co sector pesqueiro.

“Presentamos o primeiro informe e agora quedamos co director xeral, Joâo Aguiar Machado, de presentar un segundo informe”, dixo, ao que engadiu a necesidade de sensibilizar o Estado español, o noso representante en Bruxelas; aos comisarios e, terceiro lugar, a toda a Unión Europea para que cando se negocie a saída do Reino Unido da UE se teñan en conta os intereses da pesca galega como intereses prioritarios dentro da nova relación.

Ademais deste asunto, Feijóo e Jôao Aguiar Machado analizaron outros temas de gran relevancia para a pesca en Galicia como a necesidade de seguir flexibilizando as cotas -“que os países que non pescan deixen as cotas para os países que si pescamos”- e lembrou que as últimas negociacións xa permitiron que aumentasen en cantidade (un 40% máis) e en valor (un 100% máis). E unha maior flexibilidade para facer compatible a prohibición dos descartes coa práctica do día a día.

“E tamén falamos dun asunto puntual, dos problemas dos barcos de baixura cos botiquíns”, engadiu o presidente da Xunta.

 

Seafood Bruxelas

Despois da reunión, o titular do Goberno galego visitou a feira Seafood de Bruxelas, o maior evento sectorial do mundo no ámbito de comercio dos produtos marítimo-pesqueiros, onde realizou un percorrido polos expositores das máis de 60 empresas galegas dedicadas ás actividades pesqueiras de procesamento e transformación.

Ademais de constatar a fortaleza do sector galego, á cabeza en innovación, transformación e industrialización dos produtos do mar e dunha pesca sustentable, Feijóo destacou a importancia destes eventos para chegar a novos mercados e incrementar as posibilidades de negocio.


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante