Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

04/05/2021

A Fundación Galicia Europa e o Instituto Português do Desporto e Juventude celebran a cooperación transfronteiriza no Día de Europa cun evento conxunto

5323F_1620154306_cofoe_web.jpg
  • O 10 de maio, a Fundación Galicia Europa e o Instituto Português do Desporto e Juventude, celebrarán o Día de Europa nun evento conxunto destinado á mocidade, baixo o lema “Fai oír a túa voz”
  • Máis de doce entidades galego-portuguesas colaborarán no marco da Conferencia sobre o Futuro de Europa para promover a participación xuvenil e fomentar o debate sobre a cooperación transfronteiriza 

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2021. O vindeiro luns, día 10, a Fundación Galicia Europa e o Instituto Português do Desporto e Juventude (IPDJ), celebrarán o Día de Europa nun evento conxunto, destinado á mocidade, baixo o lema “Fai oír a túa voz”.

Este encontro, que servirá tamén como lanzamento da Conferencia sobre o Futuro de Europa en Galicia e a rexión Norte de Portugal, contará coa participación de mocidade galega e portuguesa e de representantes de ambos territorios, para estreitar lazos, colaborar e debater sobre o papel das rexións transfronteirizas no futuro da UE. 

Ademais, durante o acto, a FGE e o IPDJ presentarán as accións conxuntas que teñen previstas no marco da súa colaboración con outras entidades galegas e portuguesas. Unha colaboración que ten por obxectivo fomentar a participación da mocidade no marco da cooperación transfronteiriza, a través de actividades individuais e conxuntas, que busquen promover o debate sobre o proxecto europeo na Conferencia sobre o futuro de Europa. 

As entidades que forman parte desta acción conxunta son: a AECT Galicia–Norte de Portugal; Asociación EU Coopero; Eurocidade Chaves–Verín; Europe Direct A Coruña; Europe Direct Bragança; Europe Direct do Tâmega, Sousa e Alto Tâmega; Europe Direct Lugo; Europe Direct Minho; Federação Nacional de Associações Juvenis (FNAJ); Fundación Galicia Europa (FGE); Instituto Galego do Talento (IGATA); e Instituto Português do Desporto e Juventude (IPDJ).

As persoas que o desexen poden participar no evento, formalizando a súa inscrición a través da seguinte ligazón

A Conferencia sobre o Futuro de Europa

A Conferencia sobre o Futuro de Europa (CoFoE), é unha iniciativa conxunta do Parlamento, do Consello e da Comisión Europea que ten por obxectivo implicar a cidadanía no deseño das políticas que marcarán o futuro da Unión en relación a temas, como o cambio climático, a saúde, a economía, o emprego e a educación.

Para facilitar a participación da cidadanía, a Comisión vén de lanzar a plataforma virtual na que terán lugar os debates que se desenvolvan no marco da conferencia. Os eventos haberán de ser organizados seguindo unha metodoloxía que permita a tradución das iniciativas e ideas dos participantes en políticas concretas para a Unión. 


Documentos para descarga



Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante