Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

14/12/2017

Galicia súmase ao diálogo sobre a construción europea a través dos fondos comunitarios

O director xeral, Jesús Gamallo, intervén no diálogo cidadán en Santiago. © Fundación Galicia Europa Ver máis...
  • A Fundación Galicia Europa (FGE), no marco da iniciativa “Reflexionar sobre Europa” do Comité das Rexións (CdR), organizou un diálogo cidadán sobre fondos comunitarios en Santiago de Compostela
  • O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo, interveu no evento, subliñando a importancia deste financiamento europeo, así como a necesidade dunha política de cohesión forte para o período posterior a 2020
  • O acto, organizado tamén como evento local de Galicia pola Semana Europea das Rexións e Cidades 2017, serviu como punto de encontro para os profesionais galegos en xestión de fondos e proxectos europeos que teñen participado no programa TecEuropa da Fundación nos últimos anos
Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2017. A Fundación Galicia Europa (FGE), no marco da iniciativa “Reflexionar sobre Europa” do Comité das Rexións (CdR), organizou hoxe un diálogo cidadán en Santiago de Compostela, baixo o título “Construíndo Europa a través do financiamento comunitario- a perspectiva dos beneficiarios”. No acto celebrado na Cidade de Cultura, expertos na xestión de distintos programas europeos expuxeron a súa experiencia ao respecto, así como os grandes retos aos que se enfronta estes fondos para ser mellorados no futuro.

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo, salientou a importancia destes fondos para a nosa comunidade, entendidos como unha maneira de facer Europa. Neste período plurianual europeo, Galicia recibe 1.186 millóns do programa de Desenvolvemento Rural, 1.104 millóns do Feder e 391 millóns de euros do Fondo Social Europeo. Estes fondos contribúen ao desenvolvemento de territorios en toda Europa, polo que Gamallo quixo destacar a necesidade de manter unha política de cohesión forte despois de 2020, que implique aos entes rexionais na súa xestión e alcance ás áreas rurais. Os novos obxectivos da UE, como a seguridade o a inmigración, non deben ser razóns para limitar os orzamentos destinados á política rexional.

Por outra banda, o acto serviu para poñer de manifesto o éxito do programa de especialización en materia de financiamento comunitario TecEuropa, organizado pola FGE desde 2015. Máis de 100 profesionais galegos se formaron desde entón en xestión de fondos europeos a través de un curso que inclúe estadías Bruxelas e, en consecuencia, o coñecemento de primeira man do funcionamento das institucións europeas. O evento de hoxe serviu ademais como punto de encontro para que os antigos participantes continúen intercambiando as súas inquietudes e experiencias, en consonancia co obxectivo de networking fixado polo TecEuropa.

Evento local galego da Semana Europea das Rexións e Cidades 2017
Este diálogo cidadán é tamén o evento local que Galicia organiza pola Semana Europea das Rexións e Cidades 2017, celebrada entre os días 9 e 12 de outubro en Bruxelas. A oficina da FGE na capital comunitaria acolleu un obradoiro sobre o futuro da política de cohesión, con exemplos de por que resulta útil e debe ser mantida despois de 2020. A xornada de hoxe atópase en consonancia con este obxectivo de resaltar a importancia dos fondos europeos a nivel rexional.

Contexto
Desde a entrada de España na Unión Europea, o financiamento comunitario xogou un papel fundamental no desenvolvemento das rexións. Con todo, as críticas sobre este proxecto común non cesaron de aumentar, ata o punto de que a propia Comisión Europea recentemente expresou algunhas dúbidas achega do valor engadido de numerosos instrumentos da Unión, como os Fondos Estruturais e de Investimento Europeos.

Actualmente existe un proceso de reflexión aberto ao longo e ancho de Europa sobre como debería ser o futuro da Unión, e as entidades de xestión dos proxectos financiados pola UE deberían ter voz no transcurso do debate. Neste marco sitúase a iniciativa “Reflexionar sobre Europa” do Comité das Rexións, con diálogos cidadáns no continente para achegar as súas propostas ás institucións da UE. Para tal fin, a Fundación Galicia Europa acolleu este diálogo con profesionais galegos en xestión de fondos e proxectos europeos tanto no sector público e privado, como no terceiro sector. O obxectivo marcado é recoller as súas achegas sobre como debería mellorar o sistema de xestión de fondos para facelo máis eficiente no futuro período de programación, de modo que se vexa maximizado o seu impacto e a súa capacidade de contribución á cohesión económica, social e territorial europea.

Imaxes relacionadas


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante