Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

26/10/2017

Galicia defende a necesidade dun fondo Brexit na Asemblea Xeral da CRPM

A directora da FGE en Bruxelas, Ana Ramos Barbosa, durante a Asamblea Xeral da CRPM. © Fundación Galicia Europa
  • A directora da oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas, Ana Ramos Barbosa, participou na 45ª Asemblea Xeral da CRPM en Helsinqui
  • No marco da asemblea, a Comisión Arco Atlántico aprobou a súa ´Declaración Brexit´, que transmite unha serie de mensaxes políticas sobre as negociacións Brexit actuais e a futura cooperación entre a UE27 e o Reino Unido
  • Galicia liderou a elaboración da ‘Declaración Brexit’, avogando polo establecemento de mecanismos financeiros que mitiguen os efectos da saída de Reino Unido, especialmente no ámbito pesqueiro

Bruxelas, 26 de outubro de 2017. Galicia participou a semana pasada na 45ª Asemblea Xeral da Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas (CRPM) en Helsinqui (Finlandia), onde defendeu como ”prioridade fundamental” que os negociadores para o Brexit europeos e británicos teñan en conta o especial impacto territorial deste proceso nas rexións da conca atlántica.

Neste foro en Helsinqui debateuse sobre o proxecto europeo, os orzamentos e as políticas para dar resposta aos desafíos marítimos e climáticos. A nosa comunidade tivo como representante á directora da oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas, Ana Ramos Barbosa, que xogou un papel fundamental para que as declaracións políticas aprobadas sobre Brexit subliñaran a afectación do sector pesqueiro. Ademais, Galicia sumouse á petición da Comisión Arco Atlántico (CAA) da Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas de crear un fondo económico que compense aos territorios marítimos pola saída de Reino Unido do orzamento comunitario, A Comisión Arco Atlántico reúne a 17 rexións dos cinco países membros do Atlántico, como son Portugal, España, Francia, Irlanda e Reino Unido, que representan o 12 por cento do territorio da Unión Europea e aproximadamente a 60 millóns de persoas.

 

Declaración Brexit do Arco Atlántico

No marco da Asemblea Xeral, o grupo de traballo (task force) Brexit da Comisión Arco Atlántico (CAA) da CRPM aprobou a súa ´Declaración Brexit´, presentando unha serie de propostas que inclúen a necesidade de instrumentos orzamentarios da UE para mitigar o impacto de Brexit nas rexións.

Liderada por Galicia, a ´Declaración Brexit´ do grupo de traballo transmite unha serie de mensaxes políticas ao Reino Unido e a UE sobre as negociacións Brexit actuais e a futura cooperación entre a UE27 e o Reino Unido, desde a perspectiva da conca atlántica. Dado que a CAA está composta por rexións británicas e da UE-27, esta Declaración ten en conta os intereses compartidos dos territorios atlánticos. O seu obxectivo é concienciar aos negociadores acerca dos impactos humanos e económicos do Brexit nas rexións, particularmente nas rexións do Atlántico que comparten unha área marítima co Reino Unido.

Tendo isto en conta, unha das propostas presentadas polas rexións atlánticas é establecer un mecanismo orzamentario da UE-27 destinado a minimizar os impactos territoriais do Brexit a nivel rexional ou sectorial. Este mecanismo podería adoptar a forma dun novo ”Fondo Brexit” ou un novo instrumento en virtude dos programas existentes.

Na declaración, as rexións do Atlántico expresan a súa vontade de garantir que a cooperación produtiva desenvolvida no pasado continúe, mesmo despois de que o Reino Unido haxa abandonado a UE. Esta cooperación podería adoptar a forma dunha estratexia macrorregional para a conca do Atlántico, apoiada por un orzamento robusto da área INTERREG do Atlántico.

A Declaración Brexit da CAA desenvolveuse para complementar a Declaración de Cardiff, redactada pola CRPM, cuxo obxectivo é transmitir a posición sobre a saída de Reino Unido de todas as rexións membros da CRPM. Ambas as declaracións serán presentadas en novembro a Michel Barnier, o principal negociador da UE a cargo das conversacións Brexit, por parte do presidente da Rexión de Pays da Loire.


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legal Protección datos Perfil de contratante