Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

25/10/2017

Conmemoración do XXX Aniversario da Declaración do Camiño de Santiago como Itinerario Cultural Europeo

Foto de familia polo XXX Aniversario da Declaración do Camiño de Santiago como Patrimonio Cultural Europeo. © Xunta de Galicia

  • O titular do Goberno galego presidiu o acto de conmemoración do XXX Aniversario da Declaración do Camiño de Santiago como Itinerario Cultural Europeo
  • Feijóo recorda que o Plan director e estratéxico do Camiño de Santiago pretende a promoción intensa dos nove itinerarios xacobeos que discorren por Galicia
  • Un Camiño de camiños podería ser o lema que nos inspira nesta nova e ilusionante etapa”, sentencia
  • Se hai trinta anos chegaron algo menos de 3.000 peregrinos, di que os 300.000 que chegaron no vai de ano testemuñan que o Camiño está máis vivo que nunca
  • Ten palabras de recoñecemento para os artífices da Declaración do Camiño de Santiago como Itinerario Cultural Europeo, destacando especialmente a Marcelino Oreja Aguirre
  • Lembra como os españois presenciamos “con emoción e gratitude” o respaldo elocuente dos presidentes da Comisión Europea, do Consello Europeo e do Parlamento Europeo ao noso Estado de Dereito, durante a entrega dos Premios Princesa de Asturias
  • Como europeo, español e galego traslada o respaldo da Xunta ás medidas constitucionais adoptadas “para restablecer a autonomía de calquera rexión, comunidade ou lander que se poida ver abocada á situación que nos vemos abocados neste momento nunha parte de España”
  • Refírese a España como a proba de que os pobos e nacións que forman a Unión Europea non camiñan sos nun mundo global, nin teñen que afrontar en solitario os desafíos internos e externos

Bruxelas, 25 de outubro de 2017.  O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, salientou este luns que no 2021 Compostela volverá a ser a capital do mundo. “Estamos preparados para elo”, dixo, recordando que o Plan director e estratéxico do Camiño de Santiago posto en marcha no 2015 pretende, cun orzamento de 56 millóns de euros, entre outros obxectivos, a promoción intensa dos nove itinerarios xacobeos que discorren por Galicia de maneira que o conxunto do país se implique aínda máis neste proxecto común.

No 2016 as melloras centráronse no Camiño Primitivo e no Camiño do Norte, tras conseguir tamén para estas rutas a declaración de Patrimonio da Humanidade. Este exercicio dedícase ao Camiño Inglés e ao Camiño de Fisterra-Muxía. E, no vindeiro ano o Camiño Portugués será o protagonista. “Un Camiño de camiños podería ser o lema que nos inspira nesta nova e ilusionante etapa”, sentenciou, agradecendo ademais iniciativas como a da Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, que impulsou o mapa de camiños xacobeos actualmente sinalizados en Europa e que conta con máis de 80.000 quilómetros.

Se hai trinta anos chegaron algo menos de 3.000 peregrinos, o titular da Xunta afirmou que os 300.000 que chegaron no que vai de ano, procedentes de 177 nacionalidades, testemuñan que o Camiño está máis vivo que nunca.

Neste acto conmemorativo, Feijóo tivo palabras de recoñecemento para os artífices desta declaración, entre os que destacou a Marcelino Oreja Aguirre, un dos protagonistas da transición democrática e un europeísta que avogou por unha idea que non caducou: unha Europa entendida como “un conxunto de persoas e unha inmensa comunidade de pobos”. E tampouco quixo esquecer o papel pioneiro de José Manuel López-Chaves Menéndez e a Asociación dos Pazos que xa a comezos dos anos oitenta presentaron iniciativas a prol do recoñecemento europeo do Camiño.

 

A España constitucional e a Europa democrática, as solucións

Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta expuxo o feito de que este aniversario coincida coa reaparición “de vellos fantasmas”. “O mesmo nacionalismo separatista e o mesmo populismo que sementaron as múltiples discordias europeas volven a facerse presentes”, resaltou, incidindo en que son ideoloxías que necesitan rehabilitar vellas fronteiras e crear outras novas onde a democracia quede a mercé da demagoxia. “Fronte aos camiños, ás pontes e ás fiestras abertas, propoñen balados, muros e portas pechadas”.

Diante disto, recordou como os españois presenciamos “con emoción e gratitude” o respaldo elocuente dos presidentes da Comisión Europea, do Consello Europeo e do Parlamento Europeo ao noso Estado de Dereito, durante a entrega dos Premios Princesa de Asturias, incidindo en que o respecto ás leis é inherente ao espírito europeo. E resaltou que a rebeldía antidemocrática contra calquera Constitución dun Estado, protagonizada por calquera autoridade local ou autonómica, tamén é unha insurrección contra os valores fundamentais de Europa. E quixo como europeo, español e galego trasladar o respaldo da Xunta ás medidas constitucionais adoptadas “para restablecer a autonomía de calquera rexión, comunidade ou lander que se poida ver abocada á situación que nos vemos abocados neste momento nunha parte de España”.

O presidente da Xunta referiuse a España como a proba de que os pobos e nacións que forman a Unión Europea non camiñan sos nun mundo global, nin teñen que afrontar en solitario os desafíos internos e externos. “Hai tempo que a política europea e a política dos estados europeos non é política exterior”, abundou.

“A España constitucional e a Europa democrática son as solucións”, concluíu, durante o acto de conmemoración do XXX Aniversario da Declaración do Camiño de Santiago como Itinerario Cultural Europeo, subliñando que eses principios expresados por Jean Claude Juncker, Donald Tusk e Antonio Tajani están presentes neste 30 aniversario.

Ao longo do acto, o presidente da Xunta tivo tamén palabras de recordo polos acontecementos recentes ocorridos en Galicia, Asturias e Portugal, “golpeados por unha modalidade vil, homicida e destrutiva”. “O loito polas vítimas e a indignación pola destrución provocada polo lume, teñen que estar presentes”, dixo, destacando tamén o heroísmo individual e colectivo que distingue sempre, en momentos de dificultades, ao pobo galego.

Fonte: Xunta de Galicia


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legal Protección datos Perfil de contratante