Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

14/02/2020

A Fundación Galicia Europa convoca 5 bolsas para a formación práctica en asuntos europeos durante o ano 2020

Aberta a convocatoria das bolsas formativas en asuntos europeos da FGE para o ano 2020.jpg
  • Están dirixidas a titulados universitarios e técnicos superiores en Formación Profesional.
  • O prazo oficial de presentación de candidaturas é de un mes contado a partir do día seguinte á publicación do anuncio da convocatoria no Diario Oficial de Galicia rematando o vindeiro 28 de febreiro de 2020.
  • O obxectivo destas bolsas formativas é facilitar á mocidade galega a mobilidade e o acceso ao mercado laboral, ademais de posibilitarlle a oportunidade de traballar nunha contorna europea e multicultural.
  • Estas bolsas formativas en asuntos europeos da FGE terán unha duración de 12 meses en total.
  • Esta iniciativa enmárcase nun dos obxectivos fundacionais da entidade, o de formación e sensibilización sobre a UE en Galicia.
Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2020. A Xunta de Galicia, a través da Fundación Galicia Europa (FGE), acaba de publicar unha nova convocatoria de bolsas de formación en asuntos relacionados coa Unión Europea para o ano 2020, en liña cos seus obxectivos de achegar a realidade europea á sociedade galega e de mellorar a empregabilidade da mocidade da nosa comunidade. As cinco bolsas formativas en asuntos europeos convocadas pola FGE terán unha duración de 12 meses en total.

Tres das bolsas de formación estarán centradas no seguimento dos asuntos relacionados coas políticas europeas que máis afectan a Galicia. Para esta modalidade valoraranse, preferentemente, as seguintes titulacións: Grao ou licenciatura en Dereito, Dirección e Xestión Pública, Ciencias Políticas e da Administración, Relacións Internacionais e Economía. Unha destas bolsas terá lugar na oficina da Fundación Galicia Europa localizada en Santiago de Compostela, mentres que as outras dúas hanse desenvolver na oficina de Bruxelas.

A FGE ofrece, ademais, unha bolsa emprazada na oficina de Bruxelas e destinada a licenciados ou graduados en Xornalismo, Comunicación Audiovisual ou Publicidade e Relacións Públicas. O obxectivo é que o beneficiario da bolsa se familiarice coa comunicación e información das políticas comunitarias, das actividades realizadas pola Fundación Galicia Europa á hora de defender os intereses galegos na capital europea e da presenza de Galicia nas institucións da UE e resto de organismos europeos. 

Así mesmo, a Fundación Galicia Europa convoca unha bolsa dirixida a técnicos superiores en Secretariado ou en Asistencia á Dirección para a realización de prácticas na oficina de Bruxelas. Nesta modalidade, os candidatos interesados deben ter a titulación de Secretariado ou ben a de Asistencia á Dirección para poder solicitar a bolsa formativa. Ademais se valorarán como méritos outras titulacións como a de técnico superior de FP en Marketing e Publicidade, Comercio Internacional e títulos na familia profesional da Administración, Xestión e Finanzas.

A convocatoria detalla os prazos e procedementos para a presentación completa das solicitudes, as fases do proceso de selección e os requirimentos de admisión entre os que destacan ter unha vinculación con Galicia, ter obtido o título académico dentro dos seis anos previos ao da publicación da presente convocatoria e non ter sido beneficiario de ningunha convocatoria anterior de bolsas da FGE. Así mesmo, o feito de amosar dominio de idiomas -galego, español, inglés e francés, entre outros- será valorado positivamente como méritos.

As persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes coa documentación requerida ata o próximo día 28 de febreiro de 2020, data na que se pecha o prazo oficial de presentación de candidaturas. As solicitudes deben presentarse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365.

A Fundación Galicia Europa
A Fundación Galicia Europa (FGE) é unha entidade instrumental do sector público autonómico creada en 1988 co fin de promover todas as accións que propicien o achegamento entre Galicia e Europa. Participada por diversas entidades públicas e privadas galegas, a Fundación Galicia Europa está vinculada funcionalmente á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia. A FGE conta con dúas oficinas: unha presente en Santiago de Compostela e outra en Bruxelas, formando parte esta última das preto de 300 delegacións rexionais establecidas na capital comunitaria.

Pódese acceder a todos os detalles da convocatoria a través do seguinte enlace.

Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante