Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

17/04/2019

Os novos bolseiros da Fundación Galicia Europa incorpóranse ás oficinas de Bruxelas e Santiago

Os novos bolseiros da Fundación Galicia Europa incorpóranse ás oficinas de Bruxelas e Santiago. Ver máis...
  • O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, deulles a benvida nas dúas sedes do ente público.
  • Os candidatos definitivos, seleccionados de entre 121 aspirantes, inician así unha etapa formativa en asuntos europeos que se vai prolongar durante os próximos 11 meses. 
  • Son un total de seis bolseiros que se formarán no seguimento das políticas comunitarias, a comunicación sobre a UE en Galicia e o apoio administrativo: cinco persoas cun título universitario e unha persoa cun título de técnico superior de formación profesional.
Bruxelas, 17 de abril de 2019. O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo, reuniuse esta semana cos novos bolseiros da Fundación Galicia Europa, tras a súa incorporación ás oficinas de Bruxelas e Santiago a comezos de mes. As bolsas da FGE permitiralles a estes xoves profesionais realizar prácticas en asuntos europeos durante os vindeiros 11 meses. Un total de 121 aspirantes participaron no proceso de selección destas bolsas formativas, concedéndose as prazas en réxime de concorrencia competitiva en función dos seus méritos académicos e dunha entrevista individual.  

As cinco bolsas para titulados universitarios buscan que os beneficiarios se formen en temas relacionados co seguimento e a comunicación das políticas comunitarias da UE que máis afectan a Galicia, na captación de financiamento comunitario e na xestión de proxectos de rango europeo. 

Por outra banda, a bolsa para titulados de formación profesional proporciona ao candidato seleccionado a oportunidade de poñer en práctica os coñecementos e destrezas adquiridas durante os seus estudos, realizando prácticas no eido do secretariado de dirección e familiarizándose, así mesmo, en asuntos relacionados co funcionamento da UE e as súas institucións.

Bolsa específica en I+D+i
A Fundación Galicia Europa conta ademais con outra convocatoria de bolsas destinada á formación de titulados universitarios no ámbito da I+D+i que lanzou, por cuarto curso consecutivo, en colaboración coa Axencia Galega de Innovación (GAIN). Esta bolsa ten unha duración dun ano e desenvólvese na oficina da FGE en Bruxelas, xunto con breves períodos formativos nas dependencias de GAIN en Santiago de Compostela. A persoa seleccionada de entre os 18 aspirantes deste ano incorporarase á oficina de Bruxelas ao inicio do mes de maio. 

O plan formativo desta bolsa consiste no seguimento activo das políticas comunitarias vinculadas á innovación e á investigación, incluíndo a participación nas reunións das redes de cooperación rexional nas que participa a Xunta de Galicia co fin de promover e potenciar a participación galega en proxectos europeos de I+D+i; nomeadamente ERRIN (European Regions Research and Innovation Network) e a Vanguard Initiative.

Máis de 30 anos de formación en asuntos europeos
A formación en asuntos europeos é un dos catro ámbitos de actuación da Fundación Galicia Europa. Dende a creación da entidade, preto de 500 mozas e mozos beneficiáronse dunha destas bolsas formativas, permitindo contar hoxe en día cunha rede de profesionais en asuntos europeos en multitude de organismos e institucións.

A Fundación Galicia Europa é unha entidade instrumental do sector público autonómico creada en 1988 co fin de promover todas as accións que propicien o achegamento entre Galicia e Europa. A través das súas dúas oficinas en Bruxelas e Santiago, esta fundación traballa para defender os intereses de Galicia perante a UE, informar, formar e sensibilizar sobre a Unión Europea en Galicia, e promover a participación galega en proxectos europeos.



Imaxes relacionadas


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante