Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

27/03/2018

Os novos bolseiros da Fundación Galicia Europa comezan a súa formación en Bruxelas e Santiago

As bolseiras de Santiago xunto a Jesús Gamallo, Ana Ramos e Vanessa Lobo.JPG
Seis novos bolseiros incorpóranse para facer prácticas e formarse no eido dos asuntos europeos.
 
Un total de 79 aspirantes foron partícipes do proceso de selección baseado en méritos académicos e entrevistas individuais.  

 O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, reuniuse cos novos bolseiros da Fundación Galicia Europa que se incorporaron ás oficinas de Bruxelas e Santiago a semana pasada para facer prácticas durante 11 meses. Un total de 79 aspirantes fixeron parte do proceso de selección; concedéndose as prazas en réxime de concorrencia competitiva.

As bolsas para titulados universitarios, cinco en total,  teñen por obxecto que os beneficiarios se formen en temas relacionados co seguimento e a comunicación das políticas comunitarias que máis afectan a Galicia, na captación de financiamento comunitario e na xestión de proxectos europeos. 

A bolsa para titulados de formación profesional proporciona á persoa seleccionada a posibilidade de poñer en práctica os coñecementos adquiridos durante os seus estudos, realizando prácticas no eido do secretariado de dirección e familiarizándose, así mesmo, en asuntos relacionados co funcionamento da Unión Europea e as súas institucións.

Bolsa específica en I+D+i
A Fundación conta ademais con outra convocatoria de bolsas destinada á formación de titulados universitarios no ámbito da I+D+i que lanzou, por terceiro ano consecutivo, xunto á Axencia Galega de Innovación (GAIN). A persoa seleccionada entre os 29 aspirantes incorporouse á oficina de Bruxelas ao inicio do mes de marzo. 

O plan de formación desta bolsa consiste no seguimento das políticas comunitarias relacionadas coa innovación e a investigación, e inclúe a participación nas reunións das redes de cooperación rexional nas que participa a Xunta de Galicia para promover a participación galega en proxectos europeos de I+D+i, nomeadamente ERRIN (European Regions Research and Innovation Network) e a Vanguard Initiative.

30 anos de formación en asuntos europeos

A formación en asuntos europeos é un dos catro ámbitos de actuación da Fundación Galicia Europa. Dende a creación desta entidade, medio millar de mozos beneficiáronse dunha destas bolsas, o que hoxe permite contar cunha rede de profesionais en asuntos europeos en multitude de organismos e institucións.

A Fundación Galicia Europa é unha entidade instrumental do sector público autonómico creada en 1988 co fin de promover todas as accións que propicien o achegamento entre Galicia e Europa. A través das súas dúas oficinas en Bruxelas e Santiago, esta fundación traballa para defender os intereses de Galicia perante a UE, informar, formar e sensibilizar sobre a Unión Europea en Galicia, e promover a participación galega en proxectos europeos. 

 


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante