Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

28/12/2017

A Fundación Galicia Europa convoca 6 bolsas para a formación práctica en asuntos europeos

Bolsas 2018 da FGE. © Fundación Galicia Europa
  • Están dirixidas a titulados universitarios e técnicos superiores en Formación Profesional e o prazo de presentación de candidaturas remata o 28 de xaneiro
  • O obxectivo destas bolsas é facilitar á mocidade galega a mobilidade e o acceso ao mercado laboral, ademais de posibilitarlle a oportunidade de traballar nunha contorna multicultural
  • Esta iniciativa enmárcase nun dos obxectivos fundacionais da entidade, a formación e sensibilización sobre a UE en Galicia

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2017. A Xunta de Galicia, a través da Fundación Galicia Europa (FGE), vén de publicar unha nova convocatoria de bolsas de formación en asuntos relacionados coa Unión Europea para 2018, en liña cos seus obxectivos de achegar a realidade europea á sociedade galega e de mellorar a empregabilidade dos mozos da comunidade.

Catro das bolsas de formación estarán centradas no seguimento dos asuntos relacionados coas políticas comunitarias que máis afectan a Galicia. Para esta modalidade valoraranse preferentemente as seguintes titulacións: grao ou licenciatura en Dereito, Dirección e Xestión Pública, Ciencias Políticas, Relacións Internacionais e Ciencias Económicas.

A FGE ofrece, ademais, unha bolsa radicada na oficina de Bruxelas e destinada a licenciados ou graduados en Xornalismo, Comunicación Audiovisual ou Publicidade e Relacións Públicas, co obxectivo de que o beneficiario se familiarice coa comunicación e información das políticas comunitarias, das actividades da Fundación e da presenza de Galicia nos organismos europeos. Así mesmo, a Fundación Galicia Europa convoca unha bolsa dirixida a técnicos superiores en Secretariado ou en Asistencia á dirección para a realización de prácticas na oficina de Bruxelas.

A convocatoria detalla os prazos e procedementos para a presentación de solicitudes, as fases do proceso de selección e os requirimentos de admisión entre os que destacan ter unha vinculación con Galicia, ter obtido un título universitario superior con posterioridade a 2010, non ser beneficiario de ningunha convocatoria anterior de bolsas da FGE ou demostrar o dominio das linguas galega, española e inglesa, entre outros.

Aqueles interesados poderán presentar as súas candidaturas coa documentación esixida ata o día 29 de xaneiro. Como novidade deste ano, as solicitudes enviaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de  usuario e clave Chave365  (https://sede.xunta.gal/chave365). Opcionalmente,  poderanse  presentar  as  solicitudes  presencialmente  en  calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común,  utilizando  o  formulario normalizado  dispoñible  na  sede  electrónica  da  Xunta  de Galicia, https://sede.xunta.gal

 

A Fundación Galicia Europa

A Fundación Galicia Europa (FGE) é unha entidade instrumental do sector público autonómico creada en 1988 co fin de promover todas as accións que propicien o achegamento entre Galicia e Europa. Participada por diversas entidades públicas e privadas galegas, a Fundación está vinculada funcionalmente á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia. Conta con dúas oficinas: unha en Santiago de Compostela e outra en Bruxelas, formando parte esta última das preto de 300 representacións rexionais establecidas na capital comunitaria.

Pódese acceder a todos os detalles da convocatoria a través do seguinte enlace

http://www.fundaciongaliciaeuropa.eu/tipo2.asp?idSeccion=8 


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante