Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

12/12/2017

A FGE e a Axencia Galega de Innovación convocan unha bolsa de formación para titulados superiores no ámbito da I+D+i

© Fundación Galicia Europa
  • As prácticas formativas consistirán na asistencia ás reunións en Bruxelas das redes de cooperación rexional nas que participa a Xunta para promover a participación galega en proxectos europeos de I+D+i
  • Esta iniciativa enmárcase dentro dun dos obxectivos fundacionais da FGE: a formación sobre a UE en Galicia
  • O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 22 de decembro
Bruxelas, 22 de novembro de 2017. A Fundación Galicia Europa convoca por terceiro ano consecutivo e en colaboración coa Axencia Galega de Innovación (GAIN), unha bolsa de prácticas formativas para titulados superiores universitarios co obxecto de formar á persoa seleccionada na xestión de proxectos europeos no ámbito da innovación e a investigación. Esta é a terceira convocatoria da bolsa de I+D+i tras a entrada da Axencia Galega de Innovación (GAIN) no padroado da FGE en xuño de 2015, o que propiciou unha estreita colaboración entre as dúas entidades. A iniciativa enmárcase no obxectivo fundacional da FGE de formación en asuntos europeos.

A bolsa terá unha duración dun ano e se desenvolverá integramente na oficina da FGE en Bruxelas, onde a persoa seleccionada se unirá ao equipo de bolseiros da FGE. Tamén existe a posibilidade de que o seleccionado realice breves periodos formativos nas dependencias de GAIN en Santiago de Compostela. O período de prácticas desenvolverase durante doce meses en 2018. O plan de formación consistirá no seguimento das políticas comunitarias relacionadas coa innovación e a investigación e incluirá a asistencia ás reunións das redes de cooperación rexional nas que participa a Xunta para promover a participación galega en proxectos europeos de I+D+i, nomeadamente ERRIn e a Vanguard Initiative.

A convocatoria detalla os prazos e procedementos para a presentación de solicitudes, as fases do proceso de selección e os requirimentos de admisión entre os que destacan ter unha vinculación con Galicia, ter obtido un título universitario superior con posterioridade a 2010, non ser beneficiario de ningunha convocatoria anterior de bolsas da FGE ou demostrar o dominio das linguas galega, española e inglesa, entre outros.

Aqueles interesados poderán presentar as súas candidaturas coa documentación esixida ata o día 22 de decembro. Como novidade deste ano, as solicitudes enviaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de  usuario e clave Chave365  (https://sede.xunta.gal/chave365). Opcionalmente,  poderanse  presentar  as  solicitudes  presencialmente  en  calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común,  utilizando  o  formulario normalizado  dispoñible  na  sede  electrónica  da  Xunta  de Galicia, https://sede.xunta.gal

A Fundación Galicia Europa
A Fundación Galicia Europa (FGE) é unha entidade instrumental do sector público autonómico creada en 1988 co fin de promover todas as accións que propicien o achegamento entre Galicia e Europa. Participada por diversas entidades públicas e privadas galegas, a Fundación está vinculada funcionalmente á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa EU, da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia. Conta con dúas oficinas: unha en Santiago de Compostela e outra en Bruxelas, formando parte esta última das preto de 300 representacións rexionais establecidas na capital comunitaria.

Consulte aquí a convocatoria


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legal Protección datos Perfil de contratante