Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

20/07/2017

Convocadas dúas novas edicións do programa de especialización en financiamento comunitario TecEuropa

Imaxe dos materiais da edición TecEuropa 2016. © Fundación Galicia Europa
  • Técnicos da administración pública, a empresa e o terceiro sector recibirán formación sobre a presentación e xestión de proxectos europeos e coñecerán o funcionamento das institucións comunitarias
  • TecEuropa, organizado pola Fundación Galicia Europa, ten por obxectivo tecer unha rede de técnicos galegos especializados en fondos europeos
  • Tras a primeira edición de 2015 e dous posteriores en 2016, o programa celebrará este outono a súa cuarta e quinta convocatoria
  • O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 18 de agosto

Bruxelas, 20 de xullo de 2017. A Fundación Galicia Europa (FGE) convoca dúas novas edicións, de 20 prazas cada unha, do programa de especialización en materia de financiamento comunitario (TecEuropa) que está dirixido ao persoal das entidades galegas interesadas en participar en proxectos europeos. 

Trátase de 20 prazas para cada unha das dúas edicións en réxime de concorrencia competitiva no marco do programa TecEuropa que consistirá nunha semana de formación en Bruxelas e dous días de formación práctica en Santiago de Compostela. Serán uns 40 novos profesionais galegos do sector público e privado e do terceiro sector os que se formen en dúas edicións de TecEuropa en 2017, que desde a súa creación en 2015 ten por obxectivo formar técnicos especializados na presentación e xestións de proxectos europeos, consolidar redes de especialistas neste campo e atraer financiamento para iniciativas galegas.

O programa consta, por tanto, de dous partes. A primeira, que terá lugar na oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas, consiste nunha semana de formación sobre a realidade político-institucional da UE, o marco financeiro orzamentario 2014-2020 e os programas de financiamento existentes, todo isto complementado con visitas ás institucións europeas. Pola súa banda, durante os dous días de formación en Santiago abordaranse os aspectos prácticos para acceder e xestionar os fondos comunitarios.

Reservarase un mínimo de dez das 20 prazas existentes de cada edición para o persoal vinculado con algunha das entidades membros do padroado da FGE. De non cubrirse as prazas reservadas, acumularanse aos restantes grupos sinalados no punto 3 da convocatoria.

Do 20 de xullo ao 18 de agosto

Con esta formación a FGE pretende continuar co seu compromiso de impulsar a participación das entidades públicas e privadas galegas na captación de fontes de financiamento comunitario que permitan executar todo tipo de proxectos en beneficio do tecido produtivo e da sociedade galega en xeral. Así mesmo, esta actividade formativa pretende constituír unha rede de técnicos de proxectos europeos en Galicia coa que facilitar os contactos entre os xestores dos proxectos europeos na nosa comunidade, a presentación de proxectos conxuntos e un mellor aproveitamento e impacto dos fondos europeos na nosa comunidade.

A convocatoria destas dúas novas edicións está en consonancia cos fins fundacionais da FGE e co seu plan de actuación 2017 aprobado polo seu Padroado.

 

A Fundación Galicia Europa

A Fundación Galicia Europa é unha entidade instrumental do sector público autonómico creada en 1988 co fin de promover todas as accións que propicien o achegamento entre Galicia e Europa. Participada por diversas entidades públicas e privadas galegas, esta fundación está vinculada funcionalmente á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, da Vicepresidencia da Xunta de Galicia. Conta con dúas oficinas: unha en Santiago de Compostela e outra en Bruxelas, formando parte esta última das preto de 350 representacións rexionais establecidas na capital comunitaria.

Ligazón á convocatoria


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legal Protección datos Perfil de contratante