Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

24/09/2021

Galicia confía en que a Comisión Europea vele pola participación das rexións na execución dos plans de recuperación

5418F_1632496256_JGA_L__PICA_COR_ESLOVENIA.jpg
  • O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, resalta a capacidade galega para identificar os xa máis de 300 proxectos susceptibles de optar ó financiamento dos fondos “Next Generation UE” e pide claridade na distribución e unha maior participación das rexións

Lípica, 24 de setembro de 2021.- O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe na Mesa do Comité Europeo das Rexións (CdR) que tivo lugar na localidade eslovena de Lipica e na que se celebrou un foro sobre a recuperación económica dende unha perspectiva rexional.

Durante a súa intervención, o director xeral explicou a experiencia galega, realizada no marco da comisión “Next Generation Galicia”, na identificación de proxectos para a recuperación económica en liña coas prioridades europeas. Grazas a esta comisión e ós foros de debate con varios sectores, conseguíronse identificar máis de 300 proxectos por valor de preto de 20.000 millóns de euros, susceptibles de seren financiados polos fondos de recuperación para transformar a economía galega, incrementar a súa competitividade e impulsar a creación de 30 000 postos de traballo.

O director xeral destacou, ademais, a importancia de proxectos como o da fábrica de fibras téxtiles, lyocell e viscosa, a partir da madeira, que nace da colaboración pública e privada e co que, asegurou, “Galicia quere crear unha industria de valor ó tempo que protexe o medio ambiente e a biodiversidade”. Sobre este proxecto, Gamallo incidiu no seu valor engadido para o resto da Unión, xa que apoiaría o autoabastecemento europeo nun momento no que existe un importante déficit destes materiais no continente.

Un esforzo para o que reclamou unha maior participación rexional na execución dos plans de recuperación. Neste sentido, o director mostrou a súa confianza en que a Comisión Europea vele pola adecuada participación dos entes subestatais neste proceso.


As rexións no Plan de Recuperación para Europa

No foro participaron o presidente do Comité Europeo das Rexións, Apostolos Tzitzikostas, e o ministro de Facenda da República de Eslovenia por parte da Presidencia eslovena do Consello da UE, ademais doutros membros do CdR, eurodeputados e ministros nacionais. Todos eles coincidiron en que, para que os fondos de recuperación europea respondan de forma efectiva ás necesidades específicas sobre o terreo, ha de haber unha verdadeira “asociación” entre os diferentes niveis de goberno que evite unha excesiva centralización. Tamén se subliñou a necesidade de que estes recursos se coordinen de forma adecuada con outras fontes de financiamento, como os fondos estruturais.

O debate celebrado hoxe servirá de base para a defensa que está a facer o CdR do papel dos entes locais e rexionais no proceso de recuperación económica. En concreto, servirá para a elaboración do ditame solicitado pola Presidencia eslovena sobre a execución do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, para a elaboración do Barómetro Anual Rexional e Local 21 e para organización do Cumio das Rexións e das Cidades que se celebrará en marzo en Marsella, coincidindo coa Presidencia francesa da UE.

Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante