Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

11/05/2021

Galicia avoga en Bruxelas pola posta en marcha de ferramentas que reforcen o respeto ao Estado de Dereito en tódolos países

5330F_1620747314_CIVEX.jpg
  • O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, representou hoxe a Galicia na terceira reunión do ano da comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores do Comité Europeo das Rexións
  • Durante o encontro, Gamallo puxo en valor o papel que as rexións poden desempeñar na loita contra a desinformación, a través de programas educativos que fomenten a alfabetización mediática

Bruxelas, 11 de maio de 2021. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, representou hoxe a Galicia na reunión da comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (Civex) do Comité Europeo das Rexións, na que se aprobaron varios ditames, como o referido ao futuro Plan de Acción para a Democracia Europea.

Sobre este novo plan proposto pola Comisión Europea en decembro, o director xeral avogou porque contemple o establecemento de ferramentas concretas que reforcen o respecto ao Estado de Dereito en todos os países membros. En liña coa posición galega de loita contra a desinformación xa expresada polo director na anterior reunión desta comisión, Gamallo fixo un chamamento por unha liberdade de prensa que garanta o acceso á información veraz por parte de todos os cidadáns.

Igualmente, destacou o papel que, neste eido, as administracións rexionais e locais poden desempeñar a través de programas de alfabetización mediática que doten de ferramentas á cidadanía para discernir e non difundir información errónea. “Para que esta loita contra a desinformación sexa efectiva, a Unión haberá de librar esta batalla en dúas frontes: no propio seo da Unión e nos países veciños”, asegurou o director xeral propoñendo que Civex estimule o intercambio de boas prácticas de apoio aos xornalistas locais.

Durante esta terceira reunión virtual do ano, a comisión Civex tamén aprobou o ditame Axenda de loita contra o terrorismo da UE: anticipar, previr, protexer, responder e o ditame Asociación renovada cos países veciños meridionais, que promove, entre outros aspectos, o empoderamento da muller e a igualdade de xénero como factores de estabilidade e desenvolvemento socioeconómico no Norte de África.

Ao peche da xornada, os membros da comisión tiveron ocasión de debater sobre, a recentemente inaugurada Conferencia sobre o Futuro de Europa, en concreto, sobre o papel dos parlamentos rexionais dentro dela, e sobre o proxecto Cidades íntegras, que foi presentado no marco da iniciativa anticorrupción da Unión.

A comisión CIVEX do Comité Europeo das Rexións
O Comité Europeo das Rexións representa aos entes locais e rexionais da Unión Europea, asesorando sobre aquelas políticas e lexislacións que teñen un impacto directo sobre eles. Galicia conta cun membro titular e un suplente nesta asemblea política composta por 329 membros e os seus respectivos suplentes. No actual mandato 2020- 2025, Galicia participa na Comisión de Recursos Naturais (NAT) e na Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX). Esta última elabora ditames en materia de seguridade, liberdade, xustiza, política migratoria e cidadanía activa, entre outros.

Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante