Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

08/02/2021

Galicia aposta por incluír a perspectiva demográfica no deseño das políticas europeas

5257F_1612775443_JGA.jpg
  • O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, representou a Galicia no 142º pleno do Comité Europeo das Rexións (CdR), onde destacou a nova Lei galega de impulso demográfico como un elemento pioneiro e transversal na elaboración de políticas públicas e na asignación dos fondos estruturais
  • O pleno do CdR aprobou unha resolución na que apoia a estratexia europea de vacinación fronte á covid-19


Bruxelas, 5 de febreiro de 2021. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, destacou hoxe durante a súa intervención na última das tres xornadas do 142° pleno do Comité Europeo das Rexións (CdR), o reto que teñen que afrontar os entes rexionais e locais en relación ao envellecemento da poboación, o envellecemento activo e aos coidados de longa duración. Nesta liña, incidiu na necesidade de considerar a cuestión demográfica no deseño das políticas da Unión Europea e no debate sobre o futuro de Europa na asignación dos fondos estruturais. Gamallo realizou a súa intervención trala participación de Ana Paula Zacarías, Secretaria de Estado para Asuntos Europeos da República Portuguesa.

Jesús Gamallo resaltou que o traballo realizado polas rexións e entidades locais é primordial e explicou que Galicia xa está a traballar na materia con actuacións pioneiras como a Lei de impulso demográfico, aprobada recentemente no Parlamento de Galicia co obxectivo de introducir a perspectiva demográfica de xeito transnversal na elaboración de políticas públicas.

Un dos puntos destacados do pleno foi o debate sobre a campaña de vacinación contra a covid-19 e a aprobación, sobre este mesmo tema, dunha resolución do CdR, na que mostra, por unha banda, o seu respaldo á estratexia europea de vacinación e o seu rexeitamento ao denominado “nacionalismo das vacinas” e, doutra banda, o seu desexo de transparencia no proceso de autorización de vacinas e na negociación do acceso ás mesmas. Ademais, o CdR subliña a disposición de moitas rexións europeas, que contan con competencias en materia de saúde, a apoiar o despregamento de vacinas, especialmente desde o punto de vista loxístico, e a participar en campañas e actividades de divulgación, para aumentar a confianza e a aceptación dos cidadáns.

Outros debates celebrados ao longo dos tres días contaron coa participación de varios comisarios europeos, como o debate Axuntar forzas para a posta en marcha e a aplicación dos novos programas de política de cohesión en sinerxia con todos os instrumentos de recuperación no que interveu a comisaria de Cohesión e Reformas, Elisa Ferreira, e o debate Recuperación dos sectores cultural e creativo e sobre o novo espazo europeo de investigación que contou coa intervención da comisaria de Innovación, Investigación, Cultura, Educación e Mocidade, Mariya Gabriel.

Durante o pleno presentáronse para a súa aprobación un total de oito ditames, como os referidos ao apoio ao emprego xuvenil ou aos servizos públicos transfronteirizos en Europa. Galicia presentou dúas emendas a este último para chamar a atención sobre a importancia da cooperación transfronteiriza en materia cultural e deportiva, así como na prestación de servizos sociais.

O Comité Europeo das Rexións
O CdR é a asemblea consultiva da Unión Europea na que están representados os entes locais e rexionais da UE. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE. Esta é a última das cinco sesións plenarias que o CdR celebra cada ano para emitir ditames de opinión sobre as políticas comunitarias. A Fundación Galicia Europa presta apoio á participación galega neste órgano da UE.

Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante