Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

22/09/2020

Galicia aposta por reforzar o papel da UE para dar unha resposta máis eficiente ás consecuencias da crise sanitaria da covid-19

Gamallo.jpg
  • O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe nunha reunión virtual da comisión CIVEX do Comité Europeo das Rexións. 
  • A crise actual expón interrogantes sobre as competencias da UE que deberían ser abordadas na futura Conferencia sobre o Futuro de Europa, un novo foro aberto á participación cidadá para orientar o rumbo do proxecto europeo 

Bruxelas, 22 de setembro de 2020. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe na cuarta reunión da comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) do novo mandato do 2020-2025 do Comité Europeo das Rexións (CdR). Con carácter previo a esta reunión virtual presidiu a reunión preparatoria do seu Grupo no Comité Europeo das Rexións.

En ámbalas dúas xuntanzas, púxose de manifesto a necesidade de reforzar o papel da Unión Europea para dar unha resposta máis eficiente ás consecuencias da crise sanitaria da covid-19. Nesta liña, tamén se debateu como esta crise expón interrogantes sobre as competencias da UE e sobre a idoneidade do seu marco institucional e dos seus procedementos de toma de decisións para responder a crises importantes.

“A Unión Europea tivo que responder de forma urxente a un importante reto sanitario sen ter competencias na materia, o que dificultou a súa reacción”, explica Jesús Gamallo. “Isto é algo que debería terse en conta no debate sobre o Futuro de Europa que se espera pór en marcha este outono”, engadiu. A isto referiuse precisamente a presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen, o pasado mércores no debate anual do Estado da Unión.

O debate en CIVEX contou como convidados cun experto universitario e co presidente da comisión de Asuntos Xurídicos do Parlamento Europeo, o español, de orixe galega, Adrián Vázquez Lázara, quen explicou a posición desta institución en relación coa posta en marcha da Conferencia sobre o Futuro de Europa. O Parlamento dá moita importancia á participación cidadá e reclama que as tres grandes institucións da UE se comprometan a acometer reformas de calado en liña coas inquietudes dos cidadáns, incluída unha posible revisión dos Tratados, algo que non comparte o Consello.

Os membros de CIVEX lembraron, pola súa banda, a posición do CdR neste debate, que avoga por unha maior implicación dos entes rexionais no proceso decisorio da UE, dado que o 70% da lexislación europea ten un impacto directo neles. O CdR tamén subliña que “a crise actual aumenta a necesidade de reflexionar en profundidade sobre as políticas, as competencias e o funcionamento xeral da UE”.

Adiamento da Conferencia sobre o Futuro de Europa
Esta conferencia é o eixo central dunha das seis prioridades políticas da Comisión Europea: a denominada “Un novo pulo á democracia europea”. A súa posta en marcha ía ter lugar no 9 de maio pero tivo que ser aprazada debido á crise do coronavirus. Despois de que a Comisión, o Parlamento e o Consello fixasen as súas respectivas posicións , nas próximas semanas está prevista a adopción dunha declaración conxunta na que estas tres institucións acorden o alcance, os temas e os métodos de traballo para o lanzamento definitivo da Conferencia sobre o Futuro de Europa.

A comisión CIVEX do Comité Europeo das Rexións
O Comité Europeo das Rexións representa aos entes locais e rexionais da Unión Europea, asesorando sobre aquelas políticas e lexislacións que teñen un impacto directo sobre eles. Galicia conta cun membro titular e un suplente nesta asemblea política composta por 329 membros e os seus respectivos suplentes. No actual mandato 2020- 2025, Galicia participa na Comisión de Recursos Naturais (NAT) e na Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX). Esta última elabora ditames en materia de seguridade, liberdade, xustiza, política migratoria e cidadanía activa, entre outros.


Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante