Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

16/07/2020

Conclúe a participación de Galicia no Consello de Agricultura da UE en representación de todas as CCAA

O conselleiro de Medio Rural no Consello de Agricultura en xaneiro de 2020
  • Por quinta vez Galicia coordinou a participación autonómica no Consello da UE en materia de agricultura
  • A extensión das axudas actuais durante os próximos dous anos e a adopción de medidas extraordinarias de apoio ao sector con motivo da pandemia foron os dous principais temas abordados
Bruxelas, 2 de xullo de 2020. Durante o primeiro semestre de 2020, Galicia ostentou a coordinación da formación agricultura do Consello da Unión Europea e a participación nos seus correspondentes grupos de traballo, en virtude do sistema de representación rotatorio de Comunidades Autónomas acordado en 2004. Galicia cede a quenda desta coordinación a Canarias para o segundo semestre.

Durante este período, a presidencia de quenda do Consello da UE ostentada por Croacia centrou os seus esforzos en sacar adiante os regulamentos de transición da PAC e en impulsar a ratificación dalgunhas das medidas extraordinarias propostas pola Comisión Europea no ámbito agrícola para facer fronte á crise causada pola pandemia de coronavirus. Coas disrupciones nos traballos provocadas pola pandemia, os avances sobre as propostas de reforma da PAC foron modestos. Ademais, o feito de que aínda non se pechase un acordo sobre o Marco Financeiro Plurianual da Unión imposibilitaría a tramitación final do tres proxectos de Regulamento que articulan a base xurídica da PAC. 

Con respecto aos dous regulamentos de transición, o primeiro (sobre disciplina financeira para 2021 e flexibilidade entre alicerces a partir de 2020) foi adoptado definitivamente no mes de xaneiro; o segundo (sobre a extensión de normas da actual PAC máis aló de 2020) foi obxecto de acordo interinstitucional no mes de xuño tras obter o visto e prace do Consello en abril e o do Parlamento Europeo en maio, pero non poderá publicarse nin entrar en vigor ata que haxa un acordo sobre o Marco Financeiro Plurianual.

Co apoio dunha asistencia técnica contratada pola Conselleria do Medio Rural e da FGE, desenvolvéronse as seguintes actividades durante o semestre:
Participación nas sesións dos diferentes Grupos de Traballo da formación de Agricultura do Consello da UE, a saber: Grupo de Xefes Veterinarios, Grupo de Bosques, Grupo de Reforma da Política Agrícola Común, Grupo de Cuestións Financeiras Agrícolas e Grupo de Promoción de Produtos Agrícola. Un total de 12 reunións presenciais que a partir do 16 de marzo pasaron a celebrarse de forma telemática.

Redacción dos informes correspondentes, circulación dos mesmos e distribución da información ao conxunto das comunidades autónomas;
  • Participación do Conselleiro do Medio Rural, José González Vázquez, no único Consello de Ministros de Agricultura da UE celebrado de maneira presencial durante este semestre (27/1/2020), na delegación española xunto ao Ministro de Agricultra, Pesca e Alimentación Luís Planas. O Conselleiro defendeu que a futura PAC teña en conta as peculiaridades do medio rural galego. Neste sentido, insistiu na necesidade de que os pagos redistributivos da PAC sexan obrigatorios, e non de aplicación voluntaria, para permitir que se redistribúan os pagos a nivel nacional desde as grandes explotacións ás pequenas, como un mecanismo para garantir a súa pervivencia e estabilidade. José González lembrou que Galicia conta nesta demanda co respaldo das demais comunidades da cornixa cantábrica. O titular de Medio Rural avogou tamén por prorrogar o Plan de Desenvolvemento Rural para garantir a continuidade de todas as liñas de axudas en 2021 e por un Pacto Verde europeo que favoreza a adaptación transitoria das actividades agrícolas a ese enfoque ambiental.
  • Seguimento e valoración de asuntos transversais: presentación do Pacto Verde europeo e das estratexias europeas sobre Biodiversidade e ”Da granxa á mesa”, Brexit e negociacións para un futuro acordo de libre comercio co Reino Unido, participación en webinars sobre PAC, desenvolvemento rural, etc.
  • Participación en reunións temáticas coa Representación Permanente de España ante a UE (REPER) e xestión de cuestións loxísticas relacionadas co final do semestre de representación de Galicia no Consello de Agricultura e traspaso da coordinación desde a Comunidade Autónoma previamente coordinadora e á seguinte.


Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante